Román Rodríguez propón ás asociacións de amigos do camiño de Santiago crear unha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos

O conselleiro de Cultura e Turismo reuniuse hoxe co movemento asociativo xacobeo de Galicia co obxectivo de ampliar a colaboración dos últimos anos
Por o 12/12/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra,Turismo
Román Rodríguez propón ás asociacións de amigos do camiño de Santiago crear unha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos
Compartir en:

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago de Galicia, ante quen propuxo a creación dunha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos, ampliando así a fecunda colaboración desenvolvida entre a Xunta e o movemento asociativo xacobeo nos últimos anos na nosa Comunidade.

A xuntanza, que tivo como escenario a cidade de Pontevedra, persigue un triplo obxectivo. Por unha banda, fomentar o coñecemento mutuo e o intercambio de impresións arredor da realidade actual da peregrinación xacobea. Ademais, busca avanzar nos compromisos do Plan Director do Camiño de Santiago, que conta con diversas medidas para a cooperación entre a administración e as asociacións de amigos do Camiño. Finalmente, no contexto do vindeiro Xacobeo 21, informouse dos pasos e proxectos que se están a por xa en marcha, e nos que os peregrinos e a cidadanía en xeral están chamados a participar activamente.

Román Rodríguez salientou que o dinamismo actual da peregrinación e a revalorización que experimentou nas últimas tres décadas non se entenderían sen o traballo desinteresado dos colectivos xacobeos. Neste sentido, cómpre lembrar a figura de Elías Valiña, impulsor desta revitalización que segue a ser unha referencia para os que traballan a prol do Camiño.

Das máis de 300 asociacións repartidas por todo o mundo, unha vintena desenvolve o seu labor fundamentalmente en Galicia. Na antesala do Ano Santo, o conselleiro de Cultura e Turismo animou a incrementar a cooperación, ampliando deste xeito o alcance de iniciativas consolidadas como a convocatoria anual de axudas, dotada con 90.000 euros, das que deu conta a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, que participou na xuntanza.

Cohesión e visión global

Por iso, púxose sobre a mesa a posibilidade e ampliar os programas de voluntariado a través dos hospitaleiros nos albergues, dos que existen boas experiencias con gran aceptación entre os peregrinos, que valoran esta interacción e a tradicional hospitalidade brindada.

Así mesmo, Román Rodríguez, que lembrou experiencias de éxito como o I Encontro de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago celebrado no ano 2015, propuxo establecer novos espazos de interlocución entre o Goberno autonómico e estes colectivos, cunha mesa de traballo que fomente a súa participación en materias relacionadas co Camiño. Como sinalou, esta ferramenta podería facilitar unha relación máis fluída e favorecería a cohesión de todos os axentes implicados na Ruta Xacobea, cunha visión global.

Na xuntanza, o titular de Cultura e Turismo estivo tamén acompañado pola comisaria do Xacobeo 2021, quen expuxo as liñas e obxectivos do programa O teu Xacobeo, unha convocatoria aberta de proxectos que se iniciará en 2019 co fin de que calquera persoa poida formular as súas propostas e proxectos de cara á celebración do Xacobeo 21.

Antes da xuntanza, os participantes realizaron unha ofrenda floral na igrexa da Peregrina, un dos templos referentes do Camiño Portugués, un itinerario ao que a Xunta ten dedicado este ano os principais investimentos do Plan Director do Camiño de Santiago, impulsando a súa sinalización e mellora ou a realización de accións de dinamización sociocultural.

Comentar noticia

Your email address will not be published.