Román Rodríguez revisa os danos provocados polo temporal nos centros educativos galegos

A Consellería, xunto cos equipos directivos, as empresas e os concellos están traballando con rapidez co obxectivo de reiniciar as clases o antes posible.
Por o 06/02/2017 | Sección: Educación,Vigo,Xunta de Galicia
Román Rodríguez revisa os danos provocados polo temporal nos centros educativos galegos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprobou esta mañá os danos provocados polo temporal nos centros educativos galegos. O conselleiro quixo agradecer o esforzo de todos os equipos directivos, das empresas e tamén dos concellos que están traballando e axudando para que os centros afectados en distintas zonas de Galicia poidan, canto antes, desenvolver a actividade lectiva con normalidade. En principio, prevese que a maior parte dos centros poidan continuar as clases o luns, sempre dependendo da evolución climatolóxica das vindeiras horas.

En concreto, Román Rodríguez desplazouse ata o CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón, ao que o intenso vento arrancou parte da cuberta onte á noite. Acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; polo xefe territorial de Educación na provincia, Indalecio Cabana; así como polos responsables da Unidade Técnica, o conselleiro explicou que en todos os centros que sufriron danos graves, como é o caso deste CPI, estase traballando con rapidez para que se poidan reiniciar as clases entre o luns ou o martes, dependendo da envergadura dos estragos. No caso deste CPI, este luns suspéndense as clases para os alumnos e alumnas de Secundaria, que serán redistribuídos nos próximos días no centro de Primaria do Concello ata que rematen as reparacións.