Román Rodríguez súmase ao desfile medieval da festa da Istoria de Ribadavia

Publicado por o día 31/08/2019 na sección de Cultura

Román Rodríguez súmase ao desfile medieval da festa da Istoria de Ribadavia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, sumouse hoxe ao desfile medieval que tivo lugar na localidade ourensá de Ribadavia con motivo da celebración da XXXI Festa da Istoria, declarada de Interese Turístico Nacional. Así, a comitiva da que formou parte o titular de Cultura e Turismo partiu desde a rúa Baixada ao Consello e percorreu boa parte do municipio ata chegar ao castelo, onde se puxo o punto final ao itinerario deste tradicional desfile. A continuación, levouse a cabo a lectura do pregón que supuxo o comezo das distintas actividades e exhibicións que se prolongaron ao longo de toda a xornada.

Esta cita, que conta con múltiples recoñecementos e distincións, iniciouse no ano 1989, cando a Escola Obradoiro de Santo André decidiu rescatar unha vella celebración que antecedía ás festas maiores da Virxe do Portal. Ao longo da súa traxectoria, a Xunta de Galicia mostrou sempre un apoio constante con esta cita. Neste sentido, a edición deste ano conta cunha achega económica por parte da Administración autonómica de 30.000 euros.