Román Rodríguez súmase na Insua dos Poetas á VIII Celebración do Día da Árbore, a Auga e a Poesía

O titular de Cultura subliñou a necesidade de “conservar, coidar e cultivar” a nosa herdanza cultural e natural e chamou a atención sobre a importancia de “ler moito e ler ben”, para ampliar o legado literario e poético de Galicia
Publicado por o día 20/03/2019 na sección de Cultura

Román Rodríguez súmase na Insua dos Poetas á VIII Celebración do Día da Árbore, a Auga e a Poesía

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, sumouse esta mañá á VII Celebración do Día da Árbore, a Auga e a Poesía, que reuniu na Insua dos Poetas (na Esgueva, Madarnás) a máis de 300 escolares de dez centros educativos galegos.

Na súa intervención, Román Rodríguez animou o estudantado asistente “a conservar, coidar e acrecentar o legado ecolóxico e cultural que recibides”. “Oxalá ‒explicou o titular de Cultura‒ os alumnos e alumnas que estades a participar neste acto saiades de aquí dándolle a importancia que ten valorar o noso herdo cultural e natural”.

O conselleiro cualificou a conmemoración de “necesaria e significativa”, gabou o traballo que anualmente vén realizando a Fundación Ínsua dos Poetas na organización da mesma e incidiu na importancia de “ler moito e ler ben”, para continuar ampliando o “magnífico” legado literario e poético de Galicia.

Esta celebración incluíu actuacións literarias, a inauguración da escultura Calíope, de Acisclo Manzano, e a plantación de árbores autóctonas, e nela tomaron parte as comunidades educativas dos CEIP’s San Amaro, Bearíz, O Irixo, Maside, do Foxo e Boborás, os CPR’s Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro, e os IES nº1 e Chamoso Lamas.

A canda Román Rodríguez, interviñeron o alcalde do Carballiño, José Fumega, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Fundación da Insua dos Poetas, Luís González Tosar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.