Román Rodríguez visita o oitavo Festival de la Luz en Boimorto que forma parte da marca da Xunta FEST Galicia

A marca creada por Cultura e Turismo promove accións de sensibilización sobre igualdade, medio ambiente, o uso do galego e os valores positivos para a mocidade, ademais de patrocinar un dos escenarios e as pulseiras de acceso
Publicado por o día 07/09/2019 na sección de Cultura

Román Rodríguez visita o oitavo Festival de la Luz en Boimorto que forma parte da marca da Xunta FEST Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou hoxe a oitava edición do Festival de la Luz, en Boimorto, que ofrece ata mañá unha programación musical diversa, cun obxectivo solidario e un claro compromiso co rural galego. O evento volve contar coa implicación da Xunta a través dun dobre apoio económico, que se materializa no patrocinio da marca FEST Galicia e na adxudicación dunha subvención a través da convocatoria de axudas a festivais de música.

O festival fundado por Luz Casal é un dos 12 eventos asociados á segunda temporada de FEST Galicia, iniciativa transversal da Administración autonómica para promover o turismo musical no territorio galego baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social. Dela forman parte tamén Resurrection Fest, PortAmérica, 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán, Sinsal, Atlantic Fest, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival, Cantos na Maré e Caudal FEST.

A marca, que implica o patrocinio económico destas citas e o desenvolvemento nelas de campañas de concienciación social e medioambiental, foi consensuada co sector co obxectivo de reforzar a apoio que xa se lles viña facilitando a este tipo de encontros musicais mediante a liña de subvencións convocada anualmente pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). De feito, este ano o Festival de la Luz é un dos 16 adxudicatarios das devanditas subvencións, a través das que resultou beneficiario de 26.700 euros.

Concienciación social e medioambiental

En Boimorto, FEST Galicia conta cun espazo de promoción propio, que funciona como epicentro para a difusión de diferentes actividades de sensibilización impulsadas pola Consellería do Medio Rural, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións.

No ámbito da igualdade, as accións enmárcanse na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. No Festival de la Luz, persoal formado neste ámbito está a difundir o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións. Ademais, esta tarde levarase a cabo o obradoiro Non me deas a chapa, enfocado a un público familiar, no que as persoas participantes poderán realizar chapas con mensaxes personalizadas sobre a prevención da violencia de xénero.

O Festival da Luz está incluído tamén dentro do programa SON Voluntario/a que promove a Consellería de Política Social. Un grupo de mozas e mozos voluntarios ofrecerán información de interese e de servizos sobre o propio festival. Ao mesmo tempo, tamén se promoverán os programas que a Xunta de Galicia organiza para as persoas novas e levarase a cabo unha actividade lúdico-formativa na que se farán preguntas sobre Galicia en diferentes disciplinas marcadas nunha ruleta, con premios para as persoas que acerten as respostas.

O uso da lingua é outro dos ámbitos no que FEST Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo é convidar a xuventude a se relacionar de xeito responsable co medio e a facelo en galego, para o que se contará coa colaboración do comunicador Víctor Grande. Esta acción terá lugar o domingo, xunto co reto do Teléfono esnaquizado e o concurso Pasa a palabra.

Ese mesmo día, o espazo da Xunta albergará un punto informativo de Medio Ambiente, no que persoal especializado transmitirá a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Doutra banda e en colaboración coas entidades xestoras da recollida de residuos, xestionarase o servizo de contedores para a separación de residuos durante as datas de celebración do festival.

Estudo de impacto

FEST Galicia patrocina tamén as pulseiras de acceso ao festival e un dos seus escenarios, onde terán lugar os concertos de Las Antonias, Holly Miranda, Andhrea & The Black Cats, Allova, Chris Barron, Lora, Molina Molina, As Netas da Maurizia, Ortiga, Reynier Aldana, Fredy Harmónica & The Concealers e Silvia Penide. Así mesmo, o Festival de la Luz súmase á realización dos estudos FEST Galicia para avaliar o impacto económico, social e mediático dos seus festivais, para o que un equipo da Universidade de Santiago se desprazará esta fin de semana a Boimorto co fin de levar a cabo enquisas directas aos asistentes.

Ademais da música, con Celtas Cortos, Luz Casal, Rayden, Kitai, Cepeda e a Orquesta Mondragón encabezando o cartel, o festival conta tamén cun mercado de produtos galegos, zona infantil, competicións para promover o deporte na sociedade, mostras de emprendemento rural e showcookings, entre outras propostas encamiñadas maioritariamente a poñer en valor o rural galego e as causas sociais e solidarias. Neste sentido, a recadación deste ano irá destinada ás asociacións Anxiños e Asanog.

Comentar noticia

Your email address will not be published.