Rosa Quintana enxalza a fortaleza do sector transformador de produtos do mar de Galicia

Publicado por o día 02/10/2019 na sección de Galicia,Vigo

Rosa Quintana enxalza a fortaleza do sector transformador de produtos do mar de Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo hoxe en Vigo o potencial do sector transformador de produtos do mar de Galicia e a capacidade exportadora da comunidade autónoma galega no eido dos produtos pesqueiros no que se superou a barreira económica dos 2.200 millóns de euros en exportacións. Proba desta puxanza son certames como a feira internacional de produtos do mar conxelados Conxemar 2019, na que hoxe a conselleira do Mar fixo un percorrido por diferentes postos do evento, co que a Xunta colabora.

A Administración galega está presente en Conxemar cun posto institucional de 150 m2 de zona expositiva con espazos para a celebración de degustacións, xuntanzas e información para os asistentes. Galicia busca coa súa aposta por Conxemar impulsarse como escaparate internacional dos últimos avances no sector e seguir avanzando no campo da internacionalización e a competitividade. O pasado ano este certame contou con máis de 740 expositores, procedentes de 48 países e con preto de 35.500 visitantes.