Rosa Quintana pon a iniciativa `Navega o camiño´ como exemplo de atracción turística e de impulso dos tránsitos da náutica recreativa

A cifra de volume de negocio no sector auxiliar da náutica e o sector servizos das vilas portuarias superou os 2,5 millóns de euros en toda Galicia
Por o 20/02/2018 | Sección: Mar
Rosa Quintana pon a iniciativa `Navega o camiño´ como exemplo de atracción turística e de impulso dos tránsitos da náutica recreativa

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta tarde en Santiago na presentación da terceira edición da travesía Navega o camiño, a experiencia da peregrinaxe por mar, onde puxo esta iniciativa como exemplo de atracción turística e de impulso dos tránsitos da náutica recreativa. Segundo destacou a titular de Mar, este evento representa a suma de sinerxías positiva do Camiño de Santiago e a da náutica recreativa, que dotan de maior valor unha parte moi importante do noso acervo cultural, relixioso e turístico.

Neste sentido, sinalou que as iniciativas deste tipo fomentan o impulso dos tránsitos da náutica recreativa, un eido no que Galicia avanza progresivamente. Así, Rosa Quintana lembrou que, segundo datos facilitados polos xestores das instalacións naútico-recreativas, o ano pasado os portos de titularidade autonómica recibiron máis de 8.700 barcos en tránsito.

O porto deportivo de Muros, que é un dos que forma parte da travesía de Navega o Camiño, rexistrou o maior número de embarcacións destas características de toda Galicia, con 1.031 tránsitos. Séguelle Combarro, con 839, e o Porto Deportivo de Baiona, con 639. En canto ao balance económico desta actividade, Rosa Quintana destacou que en toda Galicia, a cifra de volume de negocio no sector auxiliar da náutica e o sector servizos das vilas portuarias superou os 2,5 millóns de euros.

Estas cifras, subliñou a conselleira, van en consonancia coas dos últimos anos e constatan a consolidación dunha actividade de importante impacto económico no sector portuario e náutico e tamén no conxunto das vilas que acollen instalación náutico recreativas. De aí que a captación de novos tránsitos sexa unha liña de traballo estrutural da Consellería do Mar, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a poñer en práctica.

Nesta liña, para impulsar estas chegadas, explicou a titular de Mar, a Xunta está a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional. Ademais, engadiu, do mesmo xeito que se fixo en anos anteriores, está prevista a sinatura dun novo acordo con Turismo de Galicia, para definir un calendario conxunto de actividades promocionais para o turismo náutico.

Este calendario incluirá, entre outras accións, a participación conxunta no Salón Grand Pavois 2018, no Salón Náutico de París e na Southampton Boat Show 2018. Tamén presentacións promocionais da oferta de turismo náutico en Portugal, a participación na edición de 2018 dos salóns náuticos de Londres e Dusseldorf (Alemaña), a presentación de Portos de Galicia en Irlanda (Cork e Dublín), en colaboración con Turespaña, e a participación conxunta no programa Cruceiros Costeiros.

Navega o camiño

A iniciativa Navega o Camiño é unha nova forma de facer o Camiño de Santiago desde o mar, que conta coa aprobación do Arzobispado de Santiago, sendo a única ruta a vela que conta con esta oficialidade. Para obter a acreditación que certifica a peregrinación a Santiago deberá realizarse un mínimo de 100 millas náuticas. A maiores, para conservar o espírito do camiño, os últimos 10 quilómetros ata a catedral realízanse da pé (desde o Monte do Gozo). Existe unha rede de puntos de selado destas credenciais nos portos de North Marinas, que son La Rochelle, Hondarribia, San Sebastián, Orio (Guipúzcoa), Getaria (Guipúzcoa), Mutriku (Guipúzcoa), Getxo (Vizcaya), Santurzi (Vizcaya), Bermeo (Vizcaya), Santander, Gijón, Viveiro, A Coruña, Muxía, Muros e A Pobra do Caramiñal.

Ademais, desde hai dous anos, North Marinas organiza unha travesía en grupo para dar a coñecer esta peregrinaxe por mar. A terceira edición desta travesía terá lugar entre o 14 e o 29 de xullo de 2018 e prevé a participación de 30 embarcacións, que é o número permitido e axeitado para poder levar a cabo esta travesía. O inicio oficial desta peregrinación será en Hondarribia, pero será posible sumarse en calquera porto anterior a Viveiro.