Rosendo, Medina Azahara e Motores, cartel do novo Festival de Rock Concello de Vigo

Este xoves presentouse a primeira edición deste evento, que nace con vocación de continuidade e co dobre obxectivo de ofertar rock na cidade e apoiar a grupos de Vigo. A cita terá lugar no IFEVI o sábado 2 de decembro, con entradas a 23 euros.
Publicado por o día 19/10/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Rosendo, Medina Azahara e Motores, cartel do novo Festival de Rock Concello de Vigo

O concelleiro Javier Pardo e o xerente do IFEVI, Arsenio Prieto, presentaron este xoves a primeira edición do Festival de Rock Concello de Vigo, organizado polo propio Concello e o recinto feiral coa colaboración de Mahou.

Segundo explicaron, o Festival nace con vocación de continuidade e co dobre obxectivo de programar en Vigo unha oferta de rock (estilo cunha gran acollida na cidade) e apoiar e promocionar a grupos vigueses. Baixo esta filosofía, o novo evento nace cun cartel composto por Rosendo e Medina Azahara -nomes destacados no panorama do rock en España- xunto ao grupo vigués Motores.

O IFEVI abrirá as súas portas ás 21 horas do sábado, 2 de decembro, con máis de catro horas de música rock en directo. As entradas estarán á venda en Ataquilla.com e nos establecementos Discos Elepé e Musical Pontevedra.

Tanto Pardo como Prieto aseguraron que o Festival de Rock Concello de Vigo presenta unha clara intención de gañar proxección e relevancia coas próximas edicións. Así, o xerente do IFEVI apuntou ao obxectivo de contar con artistas que reúnan na cidade a público procedente de toda España.