A rotonda onde nacín

Publicado por o día 17/01/2015 na sección de Opinión

A rotonda onde nacín

Foi nos anos 1960. Daquela non existían edificios, nen a avenida de Castelao, nen o Alcampo. No seu lugar había casas, camiños, leiras, coutadas, liñares, xuncais, fontaíñas…, e o noso benqueridiño e tristemente desaparecido Turreiro (non “Torreiro” como escreben agora os anormalizadores da lingua). Foi onde hoxe está a chamada “rotonda de Coia”. Na vella casa de pedra da miña bisavoa; na familia dos “Bautistas”, que habitábamos o lugar dende, polo menos, o século XVIII, segundo consta no Arquivo Histórico Diocesano de Tui. O lugar chamábase “O Cruceiro”. Por alí pasaba o camiño real que ia cara a Madride e era onde ficaba o noso cruceiro, hoxe esnaquizado, sen a plataforma nen o pedestal, e malposto na fachada da igrexa nova, na praza de Consolación, onde figura para mais deshonra o nome castelanizado da nosa parroquia (San Martiño), a quen pertence a illa sul das Cíes e de quen se lembra o refraneiro: “San Martiño bota os trompos ao camiño”. Por iso suxírolle ao Bispado de Tui-Vigo que rectifique ise erro e reintégrenos o nome do santo, e o da parroquia, na lingua de seu que é ca que identificámolo os nados en Coia.

Cando comezou a construción do polígono, un día, sen previo aviso, chegaron os funcionarios do concello para desmontar e levarse o cruceiro. As mulleres, alporizadas, chamaron polos homes para tratar de evitar o espolio que íannos facer. Eles deixaron os labores no campo, os animais na corte, o viño na adega…, e foron correndo a defender e protexer unha parte esencial da nosa identidade. Non houbo pancartas, non houbo berros, non houbo megáfonos, non houbo multas nen detidos. Só houbo determinación. O cruceiro mantívose onde lle correspondía porque os funcionarios decatáronse de que non podía ser doutro xeito. Até que levárono onde nunca terían que telo levado. A cachos.

Seica agora queren poñer o barco dun conserveiro zamorano. Un barquiño do ano 1944 fronte a un cruceiro do ano 1723: o material fronte ao inmaterial. Entón, eu propóñolle ao concello e ao alcalde de Vigo adicar unha chisca dises cartiños a restaurar o cruceiro e axeitalo no seu sitio orixinal, na rotonda, en vez da polémica dorna. Sería unha certa maneira de facer xustiza ca parroquia desfeita e ca xente expropiada e malpagada, e de evitar os cristos. Pídello un ateo que mora en Madride. Pero que mais que ateo é de Coia. E de Vigho.

OPINION POR XABIER VILA-COIA