Rubén Pérez reelexido coordinador local de Esquerda Unida en Vigo

A Coordinadora Local, reunida no día de onte, reafirmou a súa aposta pola converxencia dende a esquerda e a consolidación do espazo político construído nos últimos anos.
Publicado por o día 15/12/2017 na sección de Esquerda Unida,Política

Rubén Pérez reelexido coordinador local de Esquerda Unida en Vigo

A Coordinadora Local reuniuse no día de onte para renovar as responsabilidades locais e definir a política de Esquerda Unida para o vindeiro ciclo político, relanzando a actividade da organización local tanto nos espazos de confluencia onde participa como desenvolvendo actividade propia froito das campañas que se leven a cabo desde Esquerda Unida Nacional ou Federal.

Rubén Pérez Correa, que é ademais o voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, destaca “a importancia dunha Esquerda Unida forte para o novo ciclo político coa mirada posta no vindeiro proceso electoral das municipais do ano 2019 entorno ao aprobado na pasada Asemblea Nacional de EU de xuño”

A nova coordinadora traballará en base ás liñas políticas trazadas na última Asamblea Federal de IU, así como na pasada Asemblea Nacional de Esquerda Unida na que Eva Solla foi elixida nova Coordinadora Nacional. Neste sentido, para o conxunto da nova dirección local, “reafírmase a necesidade da unidade da esquerda como ferramenta para atopar unha saída social e xusta a unha crise permanente onde a bandeira da precariedade é o símbolo dunhas políticas que están a destruír os nosos dereitos”

Dende o traballo e responsabilidade local, Esquerda Unida fortalece a súa dirección orgánica con novas responsabilidades como Estratexias para o Conflito ou Memoria Democrática. Muller e Política Municipal tamén serán algúns dos piares sobre os que pivotará a dirección local de cara á recuperación do movemento político e social aprobado nos documentos da organización.