O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) vai ser ampliado en 5000 metros cadrados, o que permitirá reforzar o potencial da cidade olívica e de toda Galicia para organizar eventos e feiras de referencia internacional, como Navalia e Conxemar. Con esta ampliación, o recinto feiral impulsará a capacidade de Vigo para consolidarse como punto de encontro do sector naval e da transformación de produtos mariños.
Esta ampliación, que aprobou hoxe o Consello da Xunta, realízase ao abeiro da Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de especial interese, aprobada para evitar que a anulación xudicial do PXOM de Vigo paralizase a cidade. Este texto legal xa permitiu impulsar o Plan de consolidación e modernización do Polígono de Balaídos, que preparará estas instalacións para a construción dos novos modelos K9 e V20, cun investimento de máis de 3000 millóns de euros na automoción galega.
O proxecto mantén a configuración actual do recinto e incorpora un pavillón anexo ao pavillón 2. Esta semana, tal e como explicou o vicepresidente, foi aprobado na Comisión Superior de Urbanismo de Galicia con todos os informes favorables, polo que o único trámite que resta por facer para a licitación do proxecto é que o Concello de Vigo poña á disposición os terreos expropiados.
O investimento da Xunta na ampliación de Ifevi ascenderá a 4,1 millóns de euros, 900.000 euros máis ca o previsto inicialmente. Este aumento no orzamento destinarase fundamentalmente a acondicionar a instalación.
Deste xeito, nos últimos 12 anos a Xunta levará investidos máis de 15,5 millóns de euros en mellorar o recinto, un investimento que dará os seus froitos: está previsto que esta ampliación redunde nun beneficio para os sectores hoteleiro e hostaleiro de máis de 2 millóns de euros ao ano. Ademais, quedará reforzada a posición de Galicia como referencia mundial en sectores estratéxicos como o pesqueiro, o conserveiro ou o naval.
Noticias de última hora en Vigo