De ruta por lugares do Baixo Miño

O seguinte destino lévanos a Tomiño, O Rosal e os seus arredores, ao sur da provincia na ribeira do Miño e facendo fronteira con Portugal. Un belo espazo verde que se desenvolve xunto o estuario do maior río de Galicia
Por o 22/01/2018 | Sección: Turismo
De ruta por lugares do Baixo Miño

Sendeiros

Un dos sendeiros máis populares no Rosal é o Sendeiro de Pescadores Miño–Tamuxe, unha ruta sinalizada para camiñantes e ciclistas de 7,2 quilómetros de lonxitude nun sentido, rozando o 15 km ida e volta. Si se desexa comezar por un dos seus puntos de inicio hai que dirixirse cara ao areal das Eiras ou a área recreativa do muíño das Aceñas.

Comezando polo primeiro, a praia fluvial, o camiñante gozará dunha contorna natural envexable, rodeado de bosques de ribeira por unha banda e o manso río Miño polo outro. No mesmo río localízanse varias illas como A Canosa, a illa do Grilo ou a “Morraceira das Varandas”. Algunhas delas veranse arrasadas no inverno dependendo das choivas da tempada, onde a auga permitiu que xurda unha frondosa vexetación en ambos os lados do río. Unha zona agradable que ademais forma parte da Rede Natura 2000 e foi certificada como Zona de Especial Protección de Aves (ZAPE) xunto a todo o estuario do río. Aí recalan aves chegadas do norte e centro de Europa na súa migración ao sur, polo que se converte nun escenario perfecto para amantes do turismo ornitolóxico.

Os amantes da ornitoloxía poderán gozar de rutas guiadas neste enclave baixo o programa Voando Rías Baixas 2018

Despois de atravesar as canaveiras, o sendeiro atravesará o Barrio do Cruceiro e o regato San Miguel ata alcanzar máis adiante a ponte do século XIX onde o río Tamuxe desemboca no Miño.

Rutas que se completan con outros paseos máis modestos en Tomiño como o da Pedra Furada ou a da Aula aberta da Natureza do río Furnia. Neste caso, o Furnia é outro afluente do Miño, sumándose a outros como o Cereixo da Briña ou o Tollo dentro do municipio, todos eles determinando a paisaxe e a natureza desta zona con abundante flora e unha envexable riqueza piscícola.

Arqueoloxía

Se continuamos o noso paseo por Tomiño, outra visita é achegarse ao Ecoparque Arqueolóxico do Monte Tetón, o cal tamén ofrece a súa propia Ruta dos Petróglifos. Os gravados divídense principalmente en dúas zonas dentro da parroquia de Tebra, no que destaca o petróglifo de Portaxes e Real Seco de entre catro mil e cinco mil anos de idade. Outra bela contorna dotada dunha fauna agreste como corzos, raposos, esquíos, lebres e xabarís entre outros.

De máis recente construción é o Espazo Fortaleza. Declarado Ben de Interese Cultural (BIC), foi rehabilitado e aberto ao público recentemente en 2012 en Goián (Tomiño).

Miradoiros

Se as anteriores rutas do río Miño non son suficientes para encandearnos, outras posibles visitas é subir ata a serra de Argallo. A serra é un punto de encontro entre os diferentes municipios, limitando Tomiño con Oia e O Rosal. Unha zona desde onde se poden obter estupendas panorámicas do Baixo Miño con altos como o Neno do Corvo de 313 metros de altitude e desde onde se pode divisar tanto a desembocadura do río como o val do Rosal.

Na área de Tomiño, o monte Lousado, o Alto da Calzada e Teixuqueiras culminan estes puntos de máis altitude con 613, 625 e 631 metros de altitude.

Si se desexa continuar polos montes próximos pódese subir á serra da Groba que comparte terreo con Oia e os municipios de Baiona e Gondomar da comarca de Vigo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.