Sacan a licitación as obras de reforma do Pavillón dos Remedios que estarán rematadas nun período de dez meses desde a sinatura do contrato

A Secretaría Xeral para o Deporte financia estas actuacións na súa integridade cunha achega económica próxima aos 2 millóns de euros
Publicado por o día 14/08/2019 na sección de Galicia,Ourense

Sacan a licitación as obras de reforma do Pavillón dos Remedios que estarán rematadas nun período de dez meses desde a sinatura do contrato

O Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar a contratación das obras de reforma do Pavillón de deportes dos Remedios en Ourense. O pasado mes de xuño o Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Ourense que establece as bases de colaboración entre as partes signatarias e fixa a achega económica que fai posible levar a cabo as obras de reforma do Pavillón dos Remedios cun investimento próximo aos 2 millóns de euros (1.987.479 euros). O prazo estimado de execución das obras será de dez meses desde o seu inicio que terá lugar, como moito, un mes despois da sinatura do contrato.

A Secretaría Xeral para o Deporte financia estas actuacións na súa integridade mentres que o Concello de Ourense non levará a cabo ningunha achega económica. Neste primeira anualidade de 2019, a Xunta de Galicia achegará a cantidade de 500.000 euros e na anualidade de 2020 sufragará os restantes 1.487.479,59 euros.

Remodelación profunda

O proxecto a acometer será unha remodelación profunda, estética e funcional que actuará sobre diversos aspectos do complexo deportivo desde a entrada principal ata a pista polideportiva. Deste xeito levarase a cabo a reforma dos ximnasios, do vestíbulo e dos espazos de comunicación, a dotación de novos vestiarios así como a adecuación dos existentes, a dotación de tres grandes salas polivalentes (actividades dirixidas, formación e lecer), a remodelación dos revestimentos da piscina de 50 metros Rosario Dueñas, a reordenación dos espazos da piscina de 25 metros Pedro Escudero, a adaptación normativa en materia de accesibilidade e a unificación da fachada orientada á avenida Pardo Cela e á Ponte Romana.

O Complexo Deportivo dos Remedios, inaugurado en 1969, é unha instalación municipal referente para a vida deportiva, social e cultural da cidade de Ourense. Conta cun amplo volume de utilización, cun rexistro de máis de 40.000 accesos mensuais dotado de múltiples servizos deportivos, dúas piscinas, un spa (piscina exterior), dous pavillóns polideportivos cubertos, un campo de fútbol, un módulo de atletismo, un ximnasio, unha sala de musculación e pistas exteriores.

Debido ao deterioro lóxico que sufriron os seus espazos co paso do tempo e por tratarse dunha infraestrutura referente localizada na entrada principal da cidade, nunha zona emblemática entre a Ponte do Milenio e a Ponte Romana, cómpre renovar, adaptar e adecuar o edificio ás novas necesidades implementando esta remodelación estética e, sobre todo, funcional, nun 2019 no que esta instalación cumpre 50 anos.

A Secretaría Xeral para o Deporte continúa a súa aposta decidida pola mellora das infraestruturas deportivas da cidade de Ourense despois de inaugurar o pasado 16 de decembro a pista cuberta como unha instalación referente do atletismo nacional na que investiu máis de 3,5 millóns de euros. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte tamén traballa na creación do novo parque acuático do complexo deportivo de Monterrei no que se prevé un investimento de 9 millóns de euros.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.