O Pleno da Deputación de Pontevedra, a instancias da Coalición Son, vén de aprobar unha moción contraria á “Lei de Fomento de Iniciativas empresariais”, contraria ós principios de sustentabilidade e protección do medio ambiente, da paisaxe e do patrimonio cultural. Unha lei que alenta, en opinión do deputado “un modelo desigual e inxusto, que limita o dereito de participación das administracións locais e da cidadanía, así como a toma de decisións sobre proxectos empresariais de especial transcendencia económica e social.”
Así mesmo, a moción busca que a Xunta tome medidas urxentes para planificar, programar e executar alternativas políticas e económicas sustentables que garantan a preservación dos bens naturais, paisaxísticos e patrimoniais do noso país; xerando rendas ecolóxicas e sociais.
Para a Coalición Son, esta lei non deixa de ser unha medida que beneficia ás multinacionais en detrimento da nosa terra; onde a meirande parte de industrias extractivas, mineiras e enerxéticas facturan fóra de Galiza. Unha lei “que simplifica as normativas en beneficio do espolio e que deixa a protección dos espazos da Rede Natura en papel mollado”.
Jácome laméntase que o PP metese esta iniciativa pola “porta de atrás”, “pola vía de urxencia, co único obxectivo de que non exista oposición social como noutros casos coma Corcoesto ou o anteproxecto da Lei de Acuicultura”. O deputado apuntou que é palpable que “o poder económico, vai aprendendo da experiencia”.
Noticias de última hora en Vigo