Sae o número 2 do boletín periódico gratuíto ‘A Nosa Voz en Europa’

A edición está dispoñible desde xa na súa web en formato dixital e nos próximos días será distribuída por toda Galiza tamén en formato papel
Por o 16/12/2017 | Sección: AGE,Política
Sae o número 2 do boletín periódico gratuíto ‘A Nosa Voz en Europa’

Este venres sae á luz segundo número do boletín periódico informativo gratuíto ‘A Nosa Voz en Europa’, unha nova revista que recolle a actividade que a eurodeputada galega Lídia Senra ven desenvolvendo na Eurocámara e que dá continuidade á outra revista que xa publicara no verán do 2016. Aquel número 1 recollía o traballo realizado pola parlamentaria entre xullo de 2014 (cando deu comezo a lexislatura) e principios de 2016; e este número 2 que sae agora recolle o traballo feito entre xaneiro do 2016 e xuño do 2017. Nesta ocasión, son 82 páxinas de información, maquetadas a toda cor que se poden consultar xa pinchando aquí en formato de revista dixital. Para aquelas persoas que prefiran lela en papel, nos próximos días comezará a distribuírse tamén a versión impresa por toda Galiza.

Senra anima a todas as galegas e galegos a consultar a nova publicación para que poidan coñecer de primeira man as iniciativas parlamentarias levadas a cabo en Bruxelas e Estrasburgo así como as xornadas que organizamos na Galiza e as visitas reivindicativas ás institucións europeas que ten promovido con numerosos colectivos. “Mantemos firme o noso compromiso de facer todo o posible para as galegas e galegos teren acceso aos asuntos que se están a debater na Unión Europea e ás decisións que se adoptan nas institucións comunitarias”, recalca a eurodeputada. “Como sempre dicimos, estamos a tratar de decisións que adopta a UE e que condicionan as nosas vidas moitos máis do que a maioría pensamos. Coñecelas e estar informadas e informados día a día sobre o que se aborda na UE é clave para ter capacidade de reacción e mobilización como sociedade”, asegura.

“Unha vez máis , animámosvos a facer equipo con nós, a nos contactardes sen dubidar para informarnos de calquera cuestión relevante e susceptíbel de denunciar na UE que estea acontecendo en calquera recuncho galego. Entre todas e todos podemos facer que a nosa voz se escoite en Europa”, di.

No boletín, ademais das preguntas por escrito que ten presentado ante a Comisión Europea, tamén se recollen boa parte das intervencións que realizou durante os plenos parlamentarios, así como na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, da que é membro titular, e na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, na que é membro suplente. Máis alá do boletín que sae agora á luz, toda a actividade de Lídia Senra pode consultarse na propia web do Parlamento Europeo.