Salesianos Vigo, 125 anos. Celebrando o futuro

A Familia Salesiana cumpre neste 2019 125 anos de presenza na cidade olívica e celebrarao cunha intensa programación de actos cos que pretenden lembrar, agradecer e renovar o seu compromiso coa e a prol da mocidade.
Por o 28/01/2019 | Sección: Eventos,Galicia,Vigo
Salesianos Vigo, 125 anos. Celebrando o futuro

As tres presenzas (Salesianos-María Auxiliadora na rúa Venezuela, Salesianos-colegio Hogar na rúa Filipinas e Fillas de María Auxiliadora [Salesianas]- na rúa Estrada) confluirán neste final de mes xunto con todos os grupos da Familia Salesiana e todas as persoas que traballan nas diversas institucións educativas que a familia de Don Bosco ten na cidade para celebrar a inauguración dos actos dos 125 anos da presenza salesiana en Vigo.

A apertura das efemérides terá lugar os días 30 e 31 de xaneiro con sendos actos abertos a toda a cidade: un acto cultural, o día 30 de xaneiro a partires das 20,00hs no Cine-teatro Salesianos –que ven de concluír as celebracións dos 50 anos da súa creación- e no que intervirá, entre outros, a Coral Polifónica María Auxiliadora, o pianista de fama internacional Brais González e o pregón estará a cargo de Don Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. Terá lugar no transcurso do acto a presentación da imaxe corporativa desta efeméride que xunta en si mesma elementos institucionais, alusións ao presente e unha completa declaración de intencións de cara ao futuro: a alianza coa xente moza para o seu ben.

Por outra banda, o día 31 de xaneiro ás 19,45 horas no Santuario Parroquia de María Auxiliadora terá lugar a solemne concelebración eucarística, presidida por Mons. Jesús Fernández, bispo auxiliar de Santiago de Compostela e animada polo coro dos 125 a continuación da que haberá tempo para un pincho de confraternidade.

125 anos frondosos e fructíferos

Aquela primeira semente prantada no barrio do Areal deu froito abundante e na actualidade son herdeiras daquela primeira presenza as entidades e asociacións vencelladas a Don Bosco por toda a cidade.

Tres comunidades de relixiosos e relixiosas. Preto de trinta relixiosos e relixiosas presentes nas tres comunidades de consgrados animan e sosteñen o labor salesiano na cidade. As comunidades relixiosas teñen un director (directora no caso das fillas de María Auxiliadora) que é o responsable, sempre colexiadamente, da animación e goberno da presenza.

Centros Educativos: O Colexio María Auxiliadora, na actualidade conta con máis de 800 alumnos e alumnas e cun claustro de preto de setenta persoas; o Colexio Hogar Afundación conta con máis de seiscentos alumnos e e alumnas e máis dunha cincuentena de persoas no claustro; o Colexio Don Bosco conta con máis de trescentos alumnos e alumnas acompañados por máis de trinta docentes.

Parroquias e igrexas públicas: aínda que a máis coñecida é a Parroquia-Santuario de María Auxiliadora cuxa organización e vitalidade da catequese segue a ser unha das de referencia na cidade –cúmprense este ano 75 anos da consagración do templo-, porén a igrexa do Colegio hogar tamén é atendida e serve diariamente aos fregueses e freguesas a súa cotorna ofrecendo do mesmo xeito unha singular experiencia de catequese, formación cristiá, e grupos. Ambos templos acollen baixo a súa acción a todos os grupos que ordinariamente dan vida nas comunidades cristiás: cáritas, liturxia, grupos formativos,…

Outras plataformas educativas: O centro Xuvenil Abertal, asociación viguesa distinguida, que cumpre corenta anos neste 2019 e que é pai entre outras iniciativas das Campañas de recollidas de alimentos, do Campamento Urbano, das Semanas de Cine, do Concerto Única Función e tantas outras; moi forte é tamén o movemento deportivo vencellado ás presenzas salesianas tanto no fútbol co Club Colegio Hogar, coma no Baloncesto e fútbol sala en María Auxiliadora e Don Bosco. O traballo no eido das persoas en risco de exclusión é unha constante na Familia Salesiana de Vigo e nos últimos tempos sendo algo presente en todas as plataformas, tivo unha certa especialización nos programas Teranga e Na Rua dos Salesianos, xestionados a través da Fundación Juan Soñador. É tamén senlleira na cidade a presenza da Libraría salesiana, co nome de librería Don Bosco contribúe á difusión da boa prensa e ao coidado da cultura.

Outras asociacións e grupos relevantes: axiña Don Bosco conquistou os corazóns viguese e desde o comezo ata a actualidade medraron vigorosas as Asociacións de Antigos Alumnos, a de san Matías galardonada tamén co título de Viguesa distinguida, e que promoveu no seu tempo as urbanizacións que levan por titulares ao Padre Rúa e ao Padre Rinaldi, que conseguiron o primeiro monumento a Don Bosco en España

(situado na Ronda que leva o seu nome) e que foi o único inmortalizado nun sello da filatelia española co gallo do centenario da presenza en Galicia; tamén segue viva a asociación de Antigos Alumnos do Colegio Hogar; unha forte Asociación de Cooperadores tanto na sede da rúa Filipinas coma na da Rúa Venezuela.

Unha mención singular dentro do capítulo das asocacións meréceno as Asociacións de devotos e devotas de María Auxiliadora –ata catro na contorna- con preto de mil persoas asociadas e que cada mes se reúnen en torno ao día 24 para formarse e celebrar, pero que se manifestan especialmente nas novenas e procesións do 24 de maio.

Moitos máis datos poderiamos ofrecer da vitalidade de Don Bosco en Vigo, ata aquí unha pequena escolma que nos permita intuir, aínda que ao lonxe, algo da xenialidade daquel labrego que se fixo cura e que se dedicou a traballar e facilitar que outros e outras trabllaran por e para o ben da mocidade.

Ollando a historia: Desde o Areal ao Castro, a San Roque, a Coia e a onde faga falla

Coma tantas outras historias centenarias, as orixes da presenza salesiana na cidade olívica están rodeadas de certa maxia. Sexa como fora, o caso é que o 29 de decembro do ano 1894, Don Matías Buil e o clérigo D. Jesús Carballo comezaron a Obra Salesiana no barrio do Areal: unhas escolas, un Oratorio festivo –un centro de tempo libre-, e unha parroquia , a do Sagrado Corazón, que pronto se puxo en funcionamento.

Axiña as escolas do Areal resultaron insuficientes e pensaron erguer un novo centro escolar nos terreos da Ronda, unha xenerosa doazón feita polo señor D. Leopoldo Gómez Moure. Xurdiu o colexio o día 23 de Xaneiro de 1898, coa asistencia dun bo número de benfeitores e amigos, o provincial da Inspectoría Céltica, D. Filipe Rinaldi, bendicía a primeira capela de María Auxiliadora. Aquela bendición sinxela era presaxio do que, co andar do tempo, ía ser o colexio “San Matías”. Chamouse así na honra do seu primeiro director, D. Matías Buil.

O 28 de xullo de 1963, un grande incendio destruíu totalmente o primitivo colexio de San Matías. Temos que recoñecer que foi providencial, porque daquelas cinzas xurdiu un novo colexio.

Deste xeito, o 16 de setembro de 1964, púxose a primeira pedra do novo pavillón que, máis tarde, no ano 1967, o Ministerio de Educación e Ciencia recoñece oficialmente, co novo nome de “María Auxiliadora”.

No ano 1994, os salesianos celebran os cen anos de presenza en Vigo. Organizáronse moitas actividades culturais e deportivas. E coma feito salientable, os Salesianos reciben a Medalla de Ouro da cidade de Vigo, en recoñecemento polo seu labor educativo.

No curso 2001-2002 implántase a Educación Infantil, a partires dos 3 anos, con novas aulas. Ese mesmo curso inaugúrase un novo edificio na rúa Venezuela, que alberga unha ampla e moderna Libraría na planta baixa e dúas plantas máis de aulas. Varias reformas acométense tamén no edificio vello para completar a acomodación de espazos ás novas necesidades. Deste xeito amplíanse os servizos e a oferta educativa en orde a mellorar.

O rostro vigués de Don Bosco colleu tamén forma a través do Centro de Formación Profesional Colegio Hogar da entón Caixa de aforros de Vigo e na actualidade de Abanca. Este centro que cumpre setenta anos deu formación a miles de mozos e mozas da cidade que axiña comezaron a traballar nunha manchea de impresas e industrias da cidade.

Por outra banda, aínda que o desexo de Don Matías Buil era que as Fillas de María Auxiliadora –salesianas- puideran vir axiña a Vigo xa no 1898, non será realidade a presenza da congregación feminina ata o 11 de decembro de 1968 onde se farían cargo dunha gardería que era tamén da Caixa de Aforros na Avenida de Madrid e en 1972 faranse cargo igualmente de outra gardería que a Caixa de aforros tiña na popular barriada de Coia. En 1986 déixase aquela primeira presenza e pasa a propiedade das Salesianas a segunda presenza que desde 1992 deixará de ser gardería e pasará a ser escola de Infantil e Primaria que terá por nome ‘Colegio San Juan Bosco’.

Os salesianos no mundo

Actualmente 15.300 salesianos, presentes en 132 países, dedicadas á educación e evanxelización, promoción e defensa dos dereitos dos nenos e mozos. Eles tamén teñen a colaboración de máis de 100.000 secular, entre educadores e artistas que ofrecen o seu apoio e compromiso para este traballo.

En España a presenza dos salesianos está organizada en dúas provincias relixiosas ou provincias, circunscricións que agrupan as comunidades salesianas e as obras que dirixen e animan nun determinado territorio.

A Provincia de María Auxiliadora, no sueste, xunto coas Illas Baleares e Canarias, ten a sede en Sevilla. Ten 58 comunidades, nas que hai un total de 457 salesianos. A rede da provincia está

formada por 61 escolas (29 con formación profesional), 58 centros xuvenís, 112 plataformas sociais e 52 parroquias.

A provincia de Santiago o Maior, situada no centro e noroeste de España, está situada en Madrid. Nas súas 54 comunidades hai 618 salesianos. O seu traballo esténdese a través de 35 escolas (21 con Formación Profesional), 46 centros xuvenís, 43 plataformas sociais e 47 parroquias.

Deste xeito, o desexo de Don Bosco de que as comunidades salesianas son casas que os acollen, escolas onde aprenden, patios onde xogan e igrexas que evangelizan, convértese nunha realidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.