Salvador Sandoval, mocidade e experiencia para o Iberconsa Amfiv

Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Deporte Adaptado,Deportes,Galicia,Vigo

Salvador Sandoval, mocidade e experiencia para o Iberconsa Amfiv

César Iglesias xa ten a súa primeira cara nova para a próxima tempada despois de que o Iberconsa Amfiv concretase nas últimas semanas as renovacións dos xogadores da casa ( Alejos, Cronau, Envó e Vilas), a columna vertebral do proxecto para a nova campaña. Trátase da primeira fichaxe, o xogador que tentará encher o enorme oco deixado no persoal vigués tras a decisión do mexicano Zavala de aceptar a oferta de traballo do Servigest Burgos. E, curiosamente, o elixido para levar a cabo tan difícil misión será un compatriota do “ Chava” Zavala, o tamén mexicano Salvador Sandoval.
 
“A verdade é que cando nos decatamos de que non ía seguir en Mideba non houbo dúbidas. Era nosa primeira opción porque coñece a liga e sabemos perfectamente o que pode achegar ao equipo. As tres tempadas que estivo en Badaxoz foi sempre parte importante do equipo, acumulando moitos minutos en pista e sempre con medias de máis de 10 puntos por partido. É un xogador novo, que apenas acaba de cumprir 24 anos, e cunha ampla marxe aínda de mellora pero que nas tempadas que leva xogando unha liga tan esixente como a española demostrou dabondo que está capacitado para competir ao máximo nivel”, explica José Antonio Beiro, presidente do Iberconsa Amfiv.
 
Non será, a pesar de todo, un cambio de cromos. As características sobre a pista de Zavala e Sandoval son notablemente distintas. “ Zavala é un anotador compulsivo, un seguro de vida no “ miss- match”, que sabía aproveitar como poucos este tipo de accións e explotar a vantaxe de altura sobre os seus defensores. Sandoval, en cambio, ten máis mobilidade de cadeira e velocidade pola súa maior mocidade e é capaz de xogar co balón. Sabe colocarse en defensa, unha faceta na que seguro nos vai a axudar moito. É un estilo de xogador parecido ao xaponés Naohiro Murakami pero moito menos aloucado”, puntualiza o máximo mandatario do Iberconsa Amfiv.
 
Unha análise que amplía e profunda o técnico do conxunto vigués, César Iglesias. “É unha xogador clase 4 mexicano que leva xa varios anos militando na liga española. Isto para nós é moi importante xa que a súa adaptación e coñecemento do medio van ser máis fáciles. É un xogador que reúne diferentes calidades xa que é versátil. Desenvólvese ben tanto lonxe como preto do aro sen ser un especialista no espazo que frecuenta. É capaz de manexar balón e cadeira con solvencia para xerar situacións ofensivas e ten velocidade e tamaño para destruír defensivamente. A pesar de non ser un especialista no tiro, ten boas porcentaxes e rango mesmo de 3 puntos co que se pode adaptar a diferentes roles segundo con quen comparta pista”, destaca o adestrador do Iberconsa Amfiv sobre o xogador mexicano que acaba de pechar a súa participación nos Xogos Parapanamericanos coa súa selección, logrando un amargo sétimo lugar tras caer en cuartos de final coa selección de Estados Unidos, ao cabo campioa do torneo.
 
Así, despois duns merecidos días de descanso e tras solucionar uns trámites burocráticos no seu país, Sandoval ten prevista a súa chegada a Vigo para o vindeiro mércores 18 de setembro para poñerse inmediatamente ás ordes de César Iglesias e incorporarse a un traballo de pretemporada que a maioría dos seus compañeiros iniciará xa a finais da próxima semana.
 
ALESSANDRINI, PENDENTE DO VISADO
 
Precisamente, os Xogos Parapanamericanos contaron coa presenza doutro xogador que, se todo vai segundo o previsto, volverá defender a camiseta do Iberconsa Amfiv a próxima campaña. Trátase do arxentino Franco Alessandrini, quen quedou ás portas de subir ao podio e conseguir a medalla de bronce logrando así tamén a súa clasificación para os Xogos de Tokyo 2020. Pero a derrota no choque polo terceiro e cuarto posto ante Colombia (58-51) deixou a Arxentina co mel nos beizos e ao xogador do conxunto vigués cun sabor agridoce polo bo torneo realizado.
 
O acordo entre Alessandrini e o Iberconsa para que o arxentino inicie a que será a súa terceira campaña en Vigo é total pero aínda non se fixo efectivo debido a que desde o club vigués traballan para liquidar un problema burocrático co visado do arxentino. Alessandrini ten permiso para permanecer en España ata pouco despois de comezar a tempada pero despois tería que regresar ao seu país para solicitar un novo visado, proceso que podería tardar ata 3-4 meses. Por iso, o Iberconsa realizou xa os trámites para tentar que se poida ampliar o visado inicial sen ter que quedar a metade de tempada sen un xogador tan importante pero atópase aínda á espera de contestación para confirmar a viabilidade desta opción e, por tanto, a renovación de Alessandrini por unha campaña máis.

Comentar noticia

Your email address will not be published.