San Mateo convida ao conselleiro de Cultura e Educación a inaugurar o curso na súa unitaria

Publicado por o día 13/09/2018 na sección de Galicia,Ponteareas

San Mateo convida ao conselleiro de Cultura e Educación a inaugurar o curso na súa unitaria

O concello de Ponteareas apoia o convite trasladado hoxe ao Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, para achegarse á escola unitaria de San Mateo a inaugurar o curso escolar.

As nais e pais afectados; apoiados pola FANPO, pola ANPA Xuntanza e pola concellería de Ensino do concello de Ponteareas, acudiron hoxe á oficina de correos para enviar un burofax á Consellería convidando ao conselleiro a vir a Ponteareas e coñecer a unitaria de San Mateo da man do alumnado e da veciñanza.

As nais e pais agardan así que o conselleiro cumpra coa promesa trasladada dende o seu departamento de que a escola permanecería aberta se no comezo do curso había o mínimo de matrícula requerido.

Esta mesma noite o goberno de Ponteareas levará a pleno unha declaración de apoio a esta escola unitaria para que a Xunta de Galicia a manteña aberta logo de ter acadado as nais e pais o mínimo de alumnado matriculado esixido pola Xunta. O Alcalde de Ponteareas agarda obter o respaldo de toda a Corporación e que o equipo de Núñez Feijoó cumpra coa súa palabra.

Por outro lado, na última reunión convocada polos afectados con toda a comunidade educativa acordouse fixar unha manifestación para o vindeiro venres día 21 ás 20 horas que sairá dende a praza Bugallal para baixar por Vidales Tomé, hacia a N-120, percorrer a avenida Castelao e a rúa Braña ata chegar ao auditorio para volver á praza.

As nais e pais de San Mateo solicitan o apoio de todas as familias e colectivos sociais e veciñais da comarca porque esta medida que hoxe lles afecta a eles é extensible a toda a comarca que de diferentes xeitos sufre os recortes das medidas da Consellería.

“Non é posible que se produza este tipo de situación na que a administración cambia de opinión sen ter en conta o esforzo das nais e pais en conseguir os obxectivos prantexados. En vez de invertir os folgos en realizar plans educativos axustados á realidade do rural para atraer familias ao rural xogan con campañas de desgaste que van totalmente en contra co concepto da súa propia campaña Ruralízate”, explica Cristina Fernández, concelleira de Ensino.