Sandra González asiste, representando ao mercado de Tomiño, á 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos, que ten lugar en Londres

A rexedora en funcións presentará o modelo do mercado municipal coma exemplo dun investimento que mellorou a vida social, económica e cultural do municipio
Publicado por o día 29/05/2019 na sección de Galicia,Tomiño

Sandra González asiste, representando ao mercado de Tomiño, á 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos, que ten lugar en Londres

Sandra González, asistirá a semana próxima, en calidade de alcaldesa de Tomiño en funcións, á 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos, que terá lugar os dias 6, 7 e 8 de xuño en Londres, despois de que o Mercado Municipal fose convidado a participar.

A intervención da alcaldesa de Tomiño está marcada para o día 7 de xuño ás 16.00h, co fin de que relate a experiencia da recuperación do mercado coma novo espazo público transformador da vida da vila.

Na mesma mesa intervirán Calvin Lee Kwan, director xeral de “Corporate Development & Strategy Link Asset”, de Hong Kong, e Oscar Martin, do “Institut Municipal de Mercats”, de Barcelona.

O alcalde de Londres, Sadiq Khan, será o encargado do discurso inaugural o día 6 as 9.00h na Catedral de Southwark.

Para esta Conferencia, á que se espera asistan máis de 400 representantes de mercados de todo o mundo, foron seleccionados 20 exemplos como poñentes, entre os que se atopa Tomiño.

A Conferencia é un punto de encontro anual dos axentes que traballan en mercados públicos, e que pon o acento no papel que teñen estes como cohesionadores sociais, conectando as economías locais e as comunidades. Tomiño foi seleccionado, precisamente, por ter sido un proxecto que foi confeccionado por un equipo multidisciplinar e coa participación dos propios veciños/as, no que ademais do mercado, se transformou a contorna, conseguindo que as persoas dispuxeran dun lugar de encontro e convivencia, o que modificou radicalmente a vida da vila.

A organización do evento corre a cargo de Project for Public Spaces (PPS), entidade con sede en Nova York, que cada ano programa unha axenda que, ademais de conferencias, inclúe talleres, seminarios e visitas aos mercados da cidade onde se celebra a actividade. O encontro, ao que so asisten profesionais, celébrase sempre en grandes cidades como San Francisco, París ou Barcelona.