Sanidade agarda a sinatura do convenio e a cesión do terreo por parte do Concello de Moaña para poder construír o novo centro de saúde

Estará situado en Sisalde e contará con 3.100 metros cadrados, para o que se precisa unha parcela de 3.350 metros cadrados e un investimento de 4,35 millóns de euros

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou hoxe no Parlamento que o seu departamento segue sen ter resposta do Concello de Moaña no referido á sinatura do convenio e á cesión dos terreos necesarios para a a construción do novo centro de saúde.

Almuiña explicou que durante todo o ano pasado e no que levamos de 2019, Sanidade mantivo unha comunicación constante co concello por medio dunha serie de escritos que enumerou detalladamente no Parlamento. O último deles, o pasado 25 de marzo, “no que se explicaba de novo ao concello cal é o proxecto do centro de saúde para Moaña, as características da parcela necesaria para levalo a cabo e o proxecto supramunicipal para Cangas e Moaña cos servizos e beneficios que supón para as persoas que viven nestes concellos”, referiu o conselleiro.

Sen embargo a día de hoxe, dixo Almuiña, o Sergas segue sen dispoñer dos terreos que necesita para construír o centro de saúde coas características técnicas e cos servizos que se recolleron no plan funcional, que foi aprobado e presentado publicamente no mes de xuño.

O centro de saúde de Moaña estará en Sisalde e contará con 3.100 metros cadrados, Para a súa construción, o conselleiro afirmou que se precisa dunha parcela de 3.350 metros cadrados e un investimento de 4,35 millóns de euros.

O titular de Sanidade lembrou que o novo centro de saúde moañés inclúese no Plan de necesidades de atención primaria de Cangas e Moaña, que foi elaborado nun marco participativo contando con profesionais, asociacións, partidos políticos, concellos e enquisas de usuarios. A actuación completa do plan, no que se contempla a construción de varios centros asistenciais e que conta cun investimento de 11,2 millóns de euros nunha área de máis de 45.000 habitantes, permitirá que a poboación de ambos municipios se beneficie e dispoña de maiores coberturas e servizos dos que teñen na actualidade, tanto en horario como de prestacións.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM