Sanidade amplía cunha enquisa á cidadanía galega a participación no novo modelo de atención primaria

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña continúa as reunións e hoxe os citados na consellería foron os fisioterapeutas e o persoal de servizos xerais
Por o 09/01/2019 | Sección: Sanidad
Sanidade amplía cunha enquisa á cidadanía galega a participación no novo modelo de atención primaria

A Consellería de Sanidade vai abrir a participación á cidadanía á hora de reformular o novo modelo da atención primaria para os vindeiros 25 anos cunha enquisa a través da plataforma É-Saúde, ao igual que xa fixera o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña co obxectivo de mellorar a funcionalidade e o deseño do proxecto do hospital Gran Montecelo (Pontevedra).

Nesta liña, Sanidade segue coas reunións cos diversos colectivos, e o Edificio Administrativo de San Lázaro acolleu as segundas xuntanzas dos grupos específicos de traballo propostos polo Sergas para adoptar decisións compartidas cos profesionais na reformulación do modelo de atención primaria. Máis de sesenta profesionais, de distintas categorías e de todas as áreas sanitarias, comezaron onte a traballar nos distintos grupos co obxectivo de abordar propostas a curto, medio e longo prazo, coas que afrontar o reto do envellecemento poboacional e as dificultades para dispoñer de profesionais que afectan ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

A esta segunda xornada, na que estivo presente o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, estaban convocados os fisioterapeutas e o persoal de servizos xerais, logo de que onte o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña se reunira cos médicos, enfermeiros, farmacéuticos e traballadores sociais.

Na reunión de hoxe, o director xeral de Asistencia Sanitaria agradeceu a participación dos profesionais. “Levamos moitos anos cun modelo de atención primaria de éxito xa que é un dos servizos mellor valorados en Galicia, incluso por riba do Sistema Nacional de Saúde, e temos que ser capaces de evolucionar o sistema, posto que os cambios sociodemográficos (envellecemento e lonxevidade) traen consigo enfermidades crónicas que fan que os pacientes sexan máis demandantes dos sistemas sanitarios”.

Segundo manifestou o director xeral, “é necesario adaptar o noso modelo asistencial á nova realidade sociodemográfica. Estamos no momento en que este sistema ten que evolucionar e queremos contar con todos os profesionais que son os que mellor coñecen a realidade, os problemas do día a día, así como as oportunidades e opcións de mellora. Queremos un modelo que sexa efectivo para os vindeiros 25 anos”.

Destacou ademais, Aboal, “que as reunións están a ser moi participativas”, e remarcou a predisposición dos profesionais que están moi ilusionados á hora de facer propostas. Incidiu, así mesmo, en que Sanidade está sempre aberta ao diálogo e disposta a que os grupos de traballo sexan moi participativos. “Os grupos foron sempre, dende un primeiro momento, definidos na transparencia, pluralidade e flexibilidade”. Jorge Aboal sinalou que en cada categoría están a recibirse unha media diaria de 20 suxestións.

Primeiras conclusións en febreiro

Os grupos de traballo propostos por Sanidade abordarán específicamente, a reorganización e a creación de equipos para identificar os novos roles dos profesionais que traballan na atención primaria; as medidas encamiñadas á atención da demanda con calidade e seguridade; a priorización do plan de investimentos previstos para este ano na atención primaria; as relacións entre a atención hospitalaria e a primaria; a formación e a investigación; e as relacións cos pacientes a través das novas plataformas tecnolóxicas aplicadas á saúde.

Algunhas das primeiras propostas para seguir avanzando na mellora da atención primaria atenderán á creación dun interlocutor propio para os servizos de primaria dentro da estrutura das áreas sanitarias, á ampliación das prazas MIR na Comunidade Autónoma de Galicia, ou o incremento progresivo na contratación dos enfermeiros especialistas en medicina familiar e comunitaria.

O plan de traballo acordado programouse para poder contar coas primeiras conclusións de expertos no vindeiro mes de febreiro.

Dende a Consellería de Sanidade estase a traballar xa en medidas como o establecemento de novas fórmulas contractuais, para dar unha maior estabilidade laboral e fidelización de médicos de familia e pediatras de atención primaria dun mínimo dun ano.

Outras das medidas tomadas polo Sergas son a convocatoria anual de OPEs dende 2012 e o incremento da oferta de prazas MIR, realízándose no 2018 a maior oferta de prazas MIR dos últimos anos, con 404 prazas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.