Sanidade amplía o número de pacientes que poderán ser atendidos nos centros sanitarios do Sergas baixo o protocolo de acompañamento e accesibilidade con tarxeta sanitaria AA

Esténdese, polo tanto, a tarxeta sanitaria AA a 143 persoas seleccionadas con rigorosidade e responsabilidade por FADEMGA entre os seus usuarios
Por o 21/03/2017 | Sección: Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia
Sanidade amplía o número de pacientes que poderán ser atendidos nos centros sanitarios do Sergas baixo o protocolo de acompañamento e accesibilidade con tarxeta sanitaria AA
Compartir en:

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe a sede da Federación Galega de Asociacións en Favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia), onde anunciou a ampliación do número de pacientes que poderán ser atendidos nos centros sanitarios do Sergas baixo o protocolo de acompañamento e accesibilidade con tarxeta sanitaria AA a un colectivo de persoas con discapacidade intelectual que presentan grandes necesidades de apoio ou que teñen trastornos de conduta asociados ou problemas graves de comunicación.

Este logro vense de acadar logo da celebración de diferentes reunións entre os representantes de FADEMGA, as diferentes entidades que conforman dita Federación, a Consellería de Sanidade, e o Sergas, na procura da mellora na atención a este colectivo de cidadáns, tanto no ámbito sociosanitario como no laboral, traballando conxuntamente para acadar mellores taxas de inserción laboral e máis altas cotas de calidade na asistencia sanitaria, para contribuír ao impulso na mellora da súa calidade de vida e das súas familias e coidadores.

Esténdese, polo tanto, a tarxeta sanitaria AA a 143 persoas seleccionadas con rigorosidade e responsabilidade por FADEMGA entre os seus usuarios, e ratificadas dende o Sergas, favorecendo a aqueles pacientes con maior grao de discapacidade intelectual, gravemente afectados e que teñen unha importante necesidade de apoio extenso e xeralizado ou trastornos de conduta asociados. Ata o de agora había 3.968 usuarios de tarxeta AA, aos que hai que engadir estes 143.

Sinalar que FADEMGA e Sanidade teñen outras áreas de colaboración como o convenio asinado o pasado ano en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, para a realización de actividades de asesoramento e apoio na inserción laboral, que ten por obxecto establecer a colaboración que permita o desenvolvemento de actividades destinadas a facilitar a inserción e a adaptación efectiva ao posto de traballo.

Acompañamento e Accesibilidade

A tarxeta AA (Acompañamento e Accesibilidade) ten como obxectivo favorecer a accesibilidade a determinados servizos sanitarios dos pacientes diagnosticados daquelas patoloxías que o Sergas considera indicadas, así como o acompañamento dos seus familiares ou coidadores.

No caso dos pacientes posuidores deste documento, trátase de minimizar, no posible, as esperas nas consultas dos centros de saúde, consultas externas, servizos de urxencias e hospitalización, e permitir aos seus acompañantes ou coidadores o acompañamento permanente durante a asistencia sanitaria, agás se houbera algunha circunstancia clínica que o impedise ou o desaconsellase.

Sinalar, así mesmo, que os centros sanitarios e as unidades xestoras con responsabilidade na atención destes pacientes dispoñen dun procedemento específico para facilitarlles o seu acompañamento permanente e darlles unha consideración de accesibilidade preferente, tanto en atención urxente (en función da súa prioridade clínica) como na atención programada, axustándose no posible ao horario de citación establecido para minimizar a súa espera.

Dende o ano 2011 ata a actualidade viñan beneficiándose da tarxeta dobre A pacientes con trastornos xeralizados do Espectro Autista, Alzheimer e Parálise Cerebral.