Sanidade aposta por un modelo de Atención Primaria máis proactivo, que potencie aos profesionais e ás novas tecnoloxías

O titular da carteira sanitaria do Goberno galego enmarcou as actuacións da sanidade pública na Estratexia Sergas 2020
Por o 21/02/2017 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia
Sanidade aposta por un modelo de Atención Primaria máis proactivo, que potencie aos profesionais e ás novas tecnoloxías

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informou hoxe no Parlamento de Galicia das liñas estratéxicas do seu departamento para este 2017, entre as que destacou a aposta por un novo modelo de Atención Primaria, que sexa máis proactivo, no que o profesional de referencia dispoña das ferramentas e tecnoloxías necesarias para atender nas mellores condicións a toda a patoloxía que recibe e poida facer un seguimento activo dos seus pacientes crónicos.

Esta liña enmárcase nunha estratexia na que “é preciso facer un correcto diagnóstico da situación, xestionar de forma responsable, contar co traballo e compromiso dos profesionais, organizados en estruturas que faciliten e garantan o seu bo facer, e cos mellores medios materiais posibles”. Jesús Vázquez lembrou “a responsabilidade que supón xestionar 3.614 millóns de euros de orzamento, que corresponden ao 41,9% do total da Xunta de Galicia”.

O titular da carteira sanitaria do Goberno galego enmarcou as actuacións da sanidade pública na Estratexia Sergas 2020, a través dos seus catro eixes estratéxicos: atención integral adaptada ás necesidades dos pacientes, familiares e coidadores; profesionais comprometidos e coidados pola organización; xestión eficiente que contribúa á sostibilidade do sistema sanitario; e adecuar as infraestruturas, os equipamentos sanitarios e os sistemas de información ás necesidades de pacientes e cidadáns.

Saúde pública: máis financiamento para vacinas e cribados

Jesús Vázquez Almuiña anunciou que durante este 2017 “imos abordar o que consideramos un problema que lles afecta negativamente, o consumo de alcohol polos máis novos; farémolo buscando e facilitando a implicación de todos os sectores implicados, sanitarios e non sanitarios”. Neste senso, anunciou que esta semana “poremos en marcha unha mesa de consenso na que estarán representadas as administracións, produtores, distribuidores, minoristas, sociedades científicas, periodistas, publicistas e, quen considero moi importante, as familias, a través de representantes de asociacións de pais e nais”.

Tamén no ámbito da saúde pública, o aumento en máis de 300.000 euros para os programas de vacinación -que este ano contan cun orzamento de 12 millóns de euros- ratifica a aposta da Consellería de Sanidade neste eido. As principais novidades son a introdución dun novo calendario de vacinación común do Sistema Nacional de Saúde, con cambios que simplifican o calendario e fan máis doado o seu cumprimento, co mesmo nivel de protección.

O conselleiro salientou así mesmo o aumento de máis dun millón de euros para os programas de cribado (3.150.000 euros, 800.000 máis que en 2016). O programa de prevención do cancro de colon quedará neste 2017 implantado na totalidade da Comunidade Autónoma; incluirase á EOXI de A Coruña no primeiro semestre e á EOXI de Vigo no segundo semestre.

Entre as novidades, tamén destaca a aprobación nas próximas semanas do novo Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose, con novos indicadores e propostas de actuación, e a posta en marcha da Rede Galega de Control Aerobiolóxico, que supón a monitorización do pole presente na atmosfera galega, polo seu grande interese clínico debido a capacidade alerxénica do mesmo.

Calidade e eficiencia na asistencia sanitaria

A creación do Rexistro galego de atención ao Ictus, como ferramenta que permitirá valorar a calidade da asistencia e planificar as modificacións precisas para a súa mellora continua, e a consolidación da Rede de atención ao ICTUS son dúas das grandes actuacións en asistencia sanitaria.

Outros proxectos a desenvolver son Acude e axuda, para a mellora da atención á parada cardiorrespiratoria fóra do ámbito sanitario (en lugares públicos); e o Plan Galego de Atención á Cronicidade para chegar a unha integración de todos os recursos dispoñibles e centrar na atención primaria a súa resolución, utilizando tamén a telemedicina e teleasistencia para o seguimento e resolución dos problemas de saúde do paciente crónico en Galicia.

Saúde mental

O conselleiro de Sanidade destacou que o Plan de prevención do Suicidio Galicia atópase “en fase final de consenso das liñas e medidas estratéxicas, e xa se teñen iniciado as propostas de traballo para a elaboración dos procesos asistenciais e as accións de coordinación necesarias para a súa implantación, polo que o gran reto de cara aos próximos meses será a elaboración do Plan Estratéxico Galego de Saúde Mental 2017-2020”.

As actuacións do plan estarán aliñadas coas descritas na Estratexia SERGAS 2020; entre as que cómpre destacar a dotación de recursos para a atención a enfermidade mental en idades extremas da vida, atendendo a patoloxía infantoxuvenil e psicoxeriátrica, de xeito que cada estrutura de xestión integrada conte con recursos específicos.

TIC: máis accesibilidade e prestacións

O Servizo Galego de Saúde continuará apostando por programas xa consolidados como a consulta telefónica e o programa Conecta-72. As consultas telefónicas continúan incrementándose, cun total de preto de 5,4 millóns de consultas, das que o 99,8% puidéronse resolver sen necesidade de desprazamento do paciente.

O conselleiro de Sanidade tamén destacou o funcionamento da plataforma É-saúde, que representa un avance na relación e comunicación entre a Administración Sanitaria-Profesionais-Doentes. No eido tecnolóxico, abordarase tamén a posta en produción dos sistemas desenvolvidos a través dos proxectos Hospital 2050 e Innova Saúde.

Recursos humanos: aposta pola estabilidade

Jesús Vázquez Almuiña avanzou na súa comparecencia no Parlamento que se manterá a convocatoria anual de procedementos selectivos para a adquisición da condición de persoal fixo, ofertando o máximo de prazas que permita a lexislación. Así, na oferta pública de emprego para o ano 2017 o Sergas ofertará máis de 800 prazas para a súa cobertura con persoal estatutario fixo, incluíndo as categorías de enfermeiro especialista, entre as que figura a especialidade de saúde mental.

En paralelo, o Servizo Galego de Saúde continuará coa execución do plan de estabilidade no emprego, habilitando liñas de actuación e medidas de estabilización de persoal temporal, co obxectivo de reducir as taxas de persoal eventual no Servizo Galego de Saúde. Tamén se establecerán procedementos de mobilidade voluntaria, nos que terán cabida tanto a apertura de novos itinerarios profesionais entre categorías estatutarias como o desenvolvemento e implantación de concurso de traslados abertos e permanentes.

“Seguimos coa nosa política de prórroga no servizo activo dos profesionais máis aló do cumprimento da idade de xubilación, pero tamén prestaremos especial atención á captación de profesionais para postos de traballo que requiran unha especial cualificación ou responsabilidade, desenvolvendo todas aquelas accións específicas que, neste ámbito, permitan eliminar aquelas rixideces que impiden a incorporación de novos profesionais”, lembrou o conselleiro.

Infraestruturas e equipamentos sanitarios

O conselleiro de Sanidade fixo un repaso ás principais infraestruturas sanitarias, o seu mantemento e a súa mellora. Así, destacou no ámbito de Atención Primaria a posta en marcha nas próximas semanas do novo centro de Barbadás e o do Couto (ambos en Ourense), Pontedeva e As Neves, así como a construción dos centros de saúde de Ares e Gondomar.

Tamén anunciou a finalización dos proxectos dos centros da Laracha (PAC), Narón, Milladoiro, Melide, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Saviñao, A Estrada, Anafáns (ampliación), A Illa (ampliación), e de Salceda de Caselas.

No tocante aos centros hospitalarios, destacou na provincia de Pontevedra as actuacións de cara a construción do Gran Montecelo coa a elaboración do plan funcional para a consecución deste proxecto.

Tamén subliñou que no Complexo Hospitalario universitario de Vigo realizaranse as obras do laboratorio Core do laboratorio de microbioloxía e o cambio de cubertas e fachada do Hospital Meixoeiro. No Hospital do Salnés falou das melloras de urxencias, bloque cirúrxico e as novas salas do hospital de día.

Na provincia da Coruña, destacan no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago as obras de ampliación para a reorganización asistencial; as obras de mellora das urxencias do Hospital da Barbanza; ampliación das urxencias do Hospital Materno-Infantil da Coruña, e a ampliación do Hospital de Día e actuacións necesarias para a instalación da nova central de esterilización e o quirófano híbrido no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña. En Ferrol, realizarase neste 2017 a redacción do Plan Director, xa contratado.

En Ourense, destaca a posta en funcionamento das instalacións do novo edificio de hospitalización do CHUO e iniciar a seguinte fase do Plan Director. E en Lugo, no Hospital da Costa, a continuación das obras xa iniciadas de ampliación enmarcadas na fase 1 do Plan Director.

Así mesmo, e con respecto da renovación e mellora do equipamento, o titular da carteira sanitaria salientou o TAC intraoperatorio no Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo; os novos equipos para radiocirurxía no Hospital Clínico Universitario de Santiago; e a posta en marcha dos quirófanos híbridos no Complexo Hospitalario da Coruña e no CHUVI.

Hepatite C

O conselleiro insistiu no seu convencemento sobre o bo proceder e a actuación dilixente dos profesionais no referente aos procedementos e protocolos para a autorización dos tratamentos para a Hepatite C, e sinalou a súa esperanza de que isto quede demostrado á maior brevidade.

Neste eido, cómpre sinalar que gracias ao correcto funcionamento do sistema, Galicia autorizou en tempo e forma, baixo criterios estritamente clínicos, 1.137 tratamentos solicitados entre o ano 2012 e 2015. É dicir, autorizáronse todos os tratamentos que cumprían os requisitos. A peche de 31 de decembro deste ano se tiñan autorizado en Galicia 4.869 tratamentos.

No plano internacional, España é o primeiro país de Europa e o sexto do mundo en número absoluto de pacientes tratados cos novos medicamentos e, neste escenario, Galicia é unha das comunidades autónomas que maior número de tratamentos está a dar, por enriba da media do Sistema Nacional de Saúde.

Por último, o conselleiro avanzou que neste mesmo ano comezarase a tratar xa aos pacientes máis leves, os F0 e F1, e farase a detección de persoas en risco de estar infectadas.