O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, convocou unha xuntanza para o vindeiro luns día 3 de decembro co alcalde de Cangas do Morrazo, Xosé Manuel Pazos Varela, e os voceiros municipais para seguir avanzando nas melloras dos servizos de Atención primaria na área de Cangas. O obxectivo principal desta reunión é avanzar tanto nos trámites necesarios para a cesión da parcela de 7.000 metros cadrados necesaria para a construción do centro integral de saúde (CIS), como na licitación do proxecto de obra e construción, e solventar calquera dúbida sobre o desenvolvemento desta infraestrutura sanitaria.
Durante a mesma xornada, Almuiña manterá outra reunión cos representantes das asociacións veciñais e de pacientes, nun intento de acadar a maior participación posible, tal e como se fixo no Plan de necesidades de atención primaria presentado o pasado mes de xullo, cando por primeira vez realizouse planificación da atención primaria nunha comarca.
O Plan de necesidades de Atención primaria de Cangas e Moaña contou cunha ampla participación de todos os profesionais das estruturas sanitarias implicadas (Xerencia de Xestión Integrada do Sergas de Vigo, Povisa e 061), así como das administracións locais da área, asociacións de pacientes, ademais de doentes e usuarios, dos que se recibiron máis de 400 enquisas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.