Sanidade destina 6,6 millóns de euros á contratación de innovación en novas terapias, tic para profesionais e aplicacións para pacientes

Estas tres liñas de investigación orientadas a terapias, profesionais e pacientes están enmarcadas no programa Código100, un plan de innovación centrado no envellecemento
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de Sanidad

Sanidade destina 6,6 millóns de euros á contratación de innovación en novas terapias, tic para profesionais e aplicacións para pacientes

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou esta mañá que Sanidade destinará máis de 6,6 millóns de euros para contratar innovación que “nos axudará a seguir construíndo un sistema sanitario capacitado para liderar o envellecemento activo e saudable”. Así o afirmou na xornada de presentación dos novos pregos de contratación pública do Plan de Innovación sanitaria-Código100, promovido pola Consellería de Sanidade, a través da Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS)

Para Almuiña, “o gran valor do Plan Código100 reside en promover un modelo de innovación centrado nun reto común e capaz de integrar a todos os membros do sistema, desde os profesionais sanitarios ata os pacientes”. Código100 pretende converter a Galicia nunha rexión de referencia en innovación en envellecemento activo; unha rexión onde “se poida vivir con calidade 100 anos e onde se innova para alcanzar este fin”.

Entre os procedementos de contratación de compra pública innovadora destaca a incorporación de contratación de biotecnoloxía, intelixencia artificial, realidade virtual e big data. Do total de procedementos, hai 13 licitacións por valor de 6,6 millóns de euros, e outros dous procedementos xa adxudicados.

Están marcadas tres grandes liñas de actuación: terapias, profesionais e empoderamento de pacientes. Cada unha destas liñas orientarán respectivamente a investigación cara o desenvolvemento de novas terapias, biomarcadores, ou test multimarcadores; a creación de novos servizos, plataformas tecnolóxicas ou sistemas que melloren as actuacións profesionais mediante ferramentas virtuais ou de xestión para unha mellor xestión do talento e do coñecemento; e o desenvolvemento de solucións a través de novas tecnoloxías que aumenten a autonomía dos pacientes de patoloxías crónicas para mellorar a calidade de vida dos pacientes crónicos e reducir a dependencia da súa familia e do sistema sanitario.

Compra pública innovadora como solución du futuro

Almuiña destacou que a Consellería de Sanidade e o Sergas son pioneiros no uso dos novos procedementos de contratación como ferramenta para impulsar o I+D+i e o desenvolvemento sostible. “O sector sanitario en Galicia iniciou en 2011 un camiño sen precedentes en compra pública innovadora, categorizado como o máis ambicioso en España ata entón”, afirmou Almuiña, en relación aos programas de Innova Saúde e Hospital 2050.

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade mencionou as vantaxes da Compra Pública Innovadora (CPI) que supón unha nova forma de compra a través dun “contrato que a adiministración pública pon a concurso a fin de satisfacer unha necesidade non cuberta, mediante unha solución innovadora”.

O titular da carteira sanitaria explicou que nas consultas realizadas ao mercado dentro deste proxecto houbo 94 participantes, dos cales o 80% foron empresas, e recibíronse 215 propostas.

A xornada de hoxe enmárcase dentro do Plan de Innovación sanitaria-Código100 executado no marco dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, financiado nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional 2014-2020 do Programa Operativo de Crecemento Intelixente (POCINT).