Sanidade detectou tres incumprimentos moi graves da normativa nas 214 inspeccións que realizou en piscinas colectivas da provincia da Coruña

Noutras 19 instalacións debéronse de corrixir incumprimentos leves da normativa sanitaria
Publicado por o día 28/08/2017 na sección de A Coruña,Galicia,Sanidad,Xunta de Galicia

Sanidade detectou tres incumprimentos moi graves da normativa nas 214 inspeccións que realizou en piscinas colectivas da provincia da Coruña

Funcionarios farmacéuticos da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade realizaron ata o 15 de agosto un total de 214 inspeccións en piscinas de uso colectivo da provincia da Coruña para comprobar a calidade e tratamento das augas de baño. Tras estas inspeccións, detectáronse tres incumprimentos moi graves da normativa sanitaria que motivaron o peche preventivo da instalación, así como 19 piscinas con deficiencias que deberon ser corrixidas para continuar coa actividade.

O obxectivo xeral deste programa de inspeccións é o de reducir o risco de contraer enfermidades por parte dos usuarios de piscinas, fundamentalmente a través de actuacións dirixidas a verificar e controlar que os titulares das instalacións cumpran a normativa sanitaria e garantan a calidade da auga de baño.

Ademais, tamén se controla que se cumpran as obrigacións en materia de persoal de socorrismo, que os usuarios reciban información en lugar visible sobre a calidade da auga da piscina -publicando os resultados dos últimos controis analíticos-, medidas correctoras e recomendacións sanitarias para os usuarios, material divulgativo sobre prevención de afogamentos e traumatismos e as normas de utilización da piscina.

As instalacións obxecto de vixilancia son as piscinas de uso público onde a actividade relacionada coa auga é o obxectivo principal, como as piscinas públicas, de lecer, parques acuáticos ou spas, ou ben aquelas que constitúen un servizo suplementario á actividade principal como son as piscinas de hoteis, aloxamentos turísticos, cámping, residencias de maiores, centros de ensino, residencias universitarias, etc.