Sanidade determina como non apta para o consumo a auga da rede de distribución no barrio de Canido (Vigo)

As análises realizadas durante dous días consecutivos arroxaron parámetros de trihalometanos por riba dos permitidos na lexislación vixente
Publicado por o día 16/01/2018 na sección de Galicia,Vigo

Sanidade determina como non apta para o consumo a auga da rede de distribución no barrio de Canido (Vigo)

A Consellería de Sanidade, no marco do programa de vixilancia sanitaria, ven de comunicarlle ao Concello de Vigo e a empresa municipal encargada do servizo de abastecemento os resultados das últimas análises realizadas no punto da rede de distribución de Canido 219 que confirman que a auga non se considera apta para o consumo nesa área de Vigo ao ter superado os parámetros químicos de trihalometanos previstos na lexislación vixente.

Sanidade adopta está medida con carácter preventivo, e reclámalle ao Concello e a empresa encargada do abastecemento a adopción de medidas correctoras inmediatas dirixidas a eliminar os riscos potenciais para a saúde da poboación derivados dos incumprimentos que se detectaron na rede de Canido.

A xefatura territorial de Sanidade de Pontevedra detectou trihalometanos por riba dos valores paramétricos permitidos polo Real Decreto 140/2003 na rede de distribución de Canido, no punto de mostraxe Canido 219. A norma fixa un valor máximo de 100 µg/l (suma de Cloroformo, Bromodiclorometano, Dibromoclorometano, Bromoformo).

O Laboratorio de Saúde Pública de Galiza detectou un valor de 127 µg/ na mostra recollida o venres 12 de xaneiro polos inspectores farmacéuticos de Saúde Pública no punto da mostraxe Canido 219. Este resultado ven a confirmar o resultado da mostra recollida o día 8 de xaneiro nese mesmo punto, 124 µg/l, tamén por riba do valor paramétrico, ao seren realizadas dentro do prazo de vintecatro horas trala detección do primeiro incumprimento.

Confirmado o incumprimento de trihalometanos, que cualifica a auga como “non apta para o consumo”, se ten notificado esta situación tanto ao xestor do servizo, Aqualia como ao Concello, instándo a realizar unha investigación inmediata do motivo para deseñar e adoptar medidas correctoras adecuadas inmediatas, así como para que poñer esta situación en coñecemento da poboación e/ou doutros xestores afectados, a través dos medios e de xeito que considere máis apropiado de acordo coa autoridade sanitaria, coa finalidade de evitar, reducir ou eliminar o risco de incumprimento citado.

Con estes niveis de THM, Sanidade recomenda non beber a auga nin empregala para cociñar, pero pode empregarse no resto dos usos como son o baño ou a ducha, a utilización en clínicas dentais, limpeza de materiais e alimentos de todo tipo incluídos os de cociña.

Os trihalometanos (THM) xéranse durante a desinfección da auga debido a reacción do cloro coa materia orgánica presente na auga. A cantidade e proporción de THM na auga dependerá da cantidade de cloro engadido, cantidade de materia orgánica, e concentración de bromuros da auga, pH e temperatura. O cloroformo é o THM máis abundante e adoita ser o principal subproduto da desinfección encontrado na auga clorada.

Os valores de distintos parámetros detectados na auga de consumo dende inicio do mes de novembro debidos inicialmente á falla de auga nos encoros (ferro e color) e posteriormente ás choivas torrenciais de decembro (turbidez, ferro, color e aluminio), sumados ao problema estrutural da potabilizadora municipal de Casal e da rede de distribución, determinan que a Consellería de Sanidade permaneza vixiante extremando os seus controis.

Sanidade manterá activos os seus controis, malia que a competencia neste eido correspóndelle aos concellos, que son os que deben garantir que a auga subministrada aos consumidores a través de calquera rede de distribución sexa apta para o consumo, e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria encargada do abastecemento de auga potable.