Sanidade establece con carácter preventivo medidas de restrición nos concellos da comarca e área sanitaria da Coruña

Péchanse os Centros de día e prohíbense as visitas e saídas de usuarios dos centros residencias en toda a área sanitaria Coruña-Cee

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informou esta mañá en rolda de prensa, logo da reunión de expertos do Comité Clínico na que se analizou a evolución da covid-19 na área sanitaria da Coruña, da decisión de establecer medidas preventivas de restrición nos concellos da Coru-ña, Arteixo, Culleredo, Oleiros, Cambre, Bergondo, Carral, Abegondo e Sada. Así, como nos centros residenciais e de día de toda a área sanitaria Coruña-Cee.

Almuiña sinalou que tras avaliar o aumento de casos rexistrado nas últimas datas na área da Coruña, o departamento sanitario decidiu adoptar tres niveis diferenciados de medidas coa intención de frear a expansión da covid-19 na comarca da Coruña.

Entre as medidas preventivas anunciadas polo conselleiro de Sanidade, establecese a restrición das visitas e saídas dos usuarios dos centros residenciais na totalidade dos concellos da área sanitaria Coruña-Cee. Ademais, neste mesmo ámbito, ficarán pechados os centros de día.

Xa no ámbito da comarca da Coruña -Arteixo, Culleredo, Oleiros, Cambre, Coruña, Bergondo, Carral, Abegondo e Sada-, e co ánimo de frear a transmisión do virus entre a xente moza, desde esta medianoite prohíbese o ocio nocturno no conxunto destes 9 concellos, onde ademais, estarán prohibidas as festas e verbenas e limitaranse as reunións privadas de persoas non-convivintes a un máximo de 10.

Engadido a estas medidas, os concellos da Coruña, Oleiros, Arteixo, Culleredo e Cambre, terán restricións adicionais, como son a limitación dos aforos dos establecementos comerciais e de hostalería ao 50% e o horario de peche máximo de bares e restaurantes, que se adiantará á 1:00h.

O responsable da carteira sanitaria da Xunta de Galicia, apuntou que estas medidas serán publicadas esta tarde nunha edición especial do Diario Oficial de Galicia (DOG) e que entrarán en vigor ás 00:00h desta noite.

O conselleiro explicou que as medidas teñen un marcado carácter preventivo e que a súa adopción debe contribuír a frear o aumento de casos positivos que se están rexistrando nas últimas datas nos municipios próximos á cidade da Coruña. Así, destacou que serán revisadas dentro de 5 días, cando se avaliarán as súas posible modificacións.

Por último, Almuiña anunciou que desde o vindeiro luns establecerá reunións telemáticas diarias co conxunto de rexedores dos concellos da comarca coruñesa.

Rexistro obrigatorio de viaxeiros procedentes de zonas con alta incidencia covid-19

Sanidade lembra que todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer durante algún dos últimos 14 días en territorios que posúan unha alta incidencia epidemiolóxica, deberán proporcionar os seus datos no formulario que está dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/ ou ben chamando ao teléfono 881 00 20 21.

Neste sentido, facilitaráselles a todos os viaxeiros un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aquelas persoas que non dispoñan dela. Ademais, tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias para que poidan gozar con seguridade da súa estadía na comunidade galega.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM