Sanidade establece restricións de mobilidade perimetrais nas sete cidades galegas

A Consellería de Sanidade vén de anunciar o establecemento de novas medidas de restrición da mobilidade nas sete cidades galegas e na súa contorna, ás que ademais hai que engadir a limitación de xuntanzas entre persoas conviventes en 14 concellos.

Tras a xuntanza do subcomité clínico que fai seguimento á evolución da covid-19 en Galicia, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou do conxunto de medidas adoptadas para conter a expansión do virus na nosa comunidade, destacando que desde as 15,00 h deste mediodía se establecerá unha restrición perimetral de desprazamentos entre algúns concellos.

Neste senso, a mobilidade de persoas quedará restrinxida aos perímetros conformados polos seguintes grupos de concellos: Santiago de Compostela, Ames e Teo; Ferrol, Neda, Fene e Narón; A Coruña e Arteixo; Pontevedra, Poio e Marín. Así mesmo, tampouco estarán permitidas as entradas e saídas nos municipios de Vigo, Lugo e Vimianzo.

Xunto coas limitacións nos desprazamentos, García Comesaña subliñou que os concellos de Ames, Teo, Ferrol, Narón, Fene, Neda e Vimianzo pasan ao nivel 3 de restricións e que, adicionalmente, só se poderán establecer reunións entre conviventes neste concellos.

Esta mesma restrición das xuntanzas entre persoas que vivan no mesmo domicilio tamén se aplicará noutros concellos que arestora se atopan en nivel 2 de restricións, como son os concellos da Coruña, Arteixo, Pontevedra, Poio, Marín, Vigo e Lugo.

Durante a súa intervención, sinalou que malia a boa evolución que está a ter a situación epidemiolóxica na provincia de Ourense, o subcomité clínico decidiu manter unha semana máis as restricións vixentes nos diferentes concellos ourensáns.

O responsable de Sanidade apuntou que este novo paquete de medidas se enmarca dentro de carácter especial que ten o Día de Defuntos en Galicia, unhas datas nas que se multiplican os desprazamentos na nosa comunidade. Así, pediu á poboación restrinxir ao máximo as interaccións sociais.

As medidas referentes á limitación de mobilidade perimetral e a restrición de xuntanzas entre conviventes entrarán en vigor ás 15,00 h deste mediodía. No caso das medidas que modifican os límites dos aforos nos concellos, a súa publicación terá lugar mañá no Diario Oficial de Galicia.

As medidas establecidas esta mañá estarán vixentes ata o vindeiro martes, 3 de novembro, data en que o comité clínico volverá reunirse e avaliará se é precisa a súa continuidade.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario