Sanidade fai un chamamento a adherirse ás campañas contra o tabaco para protexer ás xeracións presentes e futuras

Con motivo do Día Mundial sen Tabaco, que se celebra mañá
Publicado por o día 30/05/2017 na sección de Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

Sanidade fai un chamamento a adherirse ás campañas contra o tabaco para protexer ás xeracións presentes e futuras

A Consellería de Sanidade, con motivo do Día Mundial sen Tabaco, fai un chamamento a todas as organizacións e profesionais sanitarios, ás organizacións administrativas, autoridades laborais, poboación traballadora, centros docentes, medios de comunicación e a toda a cidadanía en xeral, convidándoos a adherirse ás campañas contra o tabaco para protexer ás xeracións presentes e futuras das devastadoras consecuencias sanitarias, sociais e ambientais e económicas do consumo de tabaco e da exposición ao seu fume, co fin de reducir de maneira continua e substancial o número de persoas fumadoras e a exposición pasiva ao fume do tabaco e, consecuentemente, as enfermidades e mortes causadas por esta substancia.

Programa galego da Vida sen Tabaco

Dende o ano 1993, a Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, ten en marcha o Programa Galego de Promoción da Vida sen Tabaco, que engloba todas as estratexias e actividades para conseguir: Diminuír a mortalidade e morbilidade causada por patoloxías asociadas ao consumo de tabaco; reducir o número de fumadores da nosa comunidade; atrasar a idade de inicio do consumo de tabaco; asegurar o cumprimento da normativa vixente; coñecer a evolución da epidemia tabáquica, e avaliar a efectividade das actividades implantadas polo programa.

En Galicia, aínda que o consumo de tabaco está a diminuír, as cifras de prevalenza de fumadores diarios (en poboación maior de 16 anos) é de 17,6%, chegando a un 25% no grupo de idade entre 25 e 44 anos.

Sinalar que a Organización Mundial da Saúde promove, dende 1988, cada 31 de maio, o Día Mundial sen Tabaco, dedicado a resaltar os riscos para a saúde asociados a fumar e á exposición pasiva do fume de tabaco, ademais de promover políticas eficaces para reducir o seu consumo. Así, cada ano, escolle un tema relacionado co tabaquismo co obxectivo de chamar a atención da poboación sobre as numerosas facetas e a complexidade que representa este importante problema de saúde pública.

O lema deste ano é “O tabaco, unha ameaza para o desenvolvemento”. Digamos non ao tabaco, protexamos a saúde, reduzamos a pobreza, promovamos o desenvolvemento. Os obxectivos da Organización Mundial da Saúde para este día mundial son: poñer de relieve a relación entre o consumo de produtos de tabaco, a loita antitabáquica e o desenvolvemento sostible; alentar aos países a incluír a loita antitabáquica nas medidas que aplican os países no marco da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible; axudar aos estados membros e a sociedade a combater a inxerencia das industrias tabacaleras no establecemento de políticas, o cal podería potenciar os plans de acción nacionais para o control do tabaco; alentar aos asociados e ao público en xeral a participar nos esforzos mundiais, rexionais e nacionais para elaborar e aplicar estratexias e plans de desenvolvemento, así como alcanzar os obxectivos que establecen como prioridade as medidas de loita antitabáquica; e, ademais, demostrar que todos podemos contribuír a poñer fin ao consumo de tabaco no mundo de forma duradeira, xa sexa comprometéndonos a non consumir nunca produtos de tabaco ou a abandonar o seu consumo.

Una respuesta para "Sanidade fai un chamamento a adherirse ás campañas contra o tabaco para protexer ás xeracións presentes e futuras"