Sanidade inicia mañá un cribado da COVID-19 á poboación de Moaña

Vaise invitar a participar a toda a poboación maior de 15 anos, 19.900 persoas dese Concello, a realizarse a proba diagnóstica PCR
Publicado por o día 09/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Moaña,Salud,Sanidad

Sanidade inicia mañá un cribado da COVID-19 á poboación de Moaña

A Consellería de Sanidade realizará un cribado poboacional, mediante a realización de PCR masiva, á poboación de Moaña.

Neste contexto, vaise invitar ás persoas maiores de 15 anos do Concello de Moaña a realizarse unha proba diagnóstica, desde mañá xoves día 10 e ata o vindeiro martes, na praza do Mercado de Abastos desta localidade. Ata alí achegarase un equipo de 14 profesionais para xestionar este proceso, desde as 8.30 ás 19.30 h.

Vanse instalar 6 carpas ás que a poboación citada poderá achegarse preferentemente no propio automóbil ou ben a pé.

Esta decisión adoptouse dada a elevada incidencia da Covid-19 mantida nos últimos 14 días en Moaña. O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas aínda que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Autotoma de saliva

En Moaña o Sergas habilitou dúas modalidades de recollida de mostras para realizar a proba PCR: a autotoma de saliva e a nasofarínxea.

Así, á poboación de entre 15 e 70 anos se lles se entregará un kit cun tubito xunto coas indicacións oportunas para realizar nos seus domicilios unha correcta recollida de saliva: recoller un 1ml de saliva ao levantarse, en xaxún, sen tomar auga e sen lavarse os dentes. Ao día seguinte terán que entregar o tubo no dispositivo habilitado a tal efecto na carpa situada ao carón da Cofraría (Avda Concepción Arenal fronte ao número 174).

As mostras serán procesadas no servizo de Microbioloxía do Hospital Alvaro Cunqueiro mediante a técnica de “Pooling” que permite agrupar varias mostras nunha única análise.

 

 

 

 

A poboación maior de 70 anos, ou aquela que presente maiores dificultades para producir saliva, se lles tomará unha mostra nasofarínxea.

 

Participación voluntaria

A poboación de Moaña é contactada polo Servizo Galego de Saúde e invitada a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria, para elo se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario habilitado, no que se lle tomará as mostras para o seu procesamento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.