Sanidade lémbralle á Liga e ao CF Fuenlabrada a obriga legal de comunicar ás autoridades sanitarias os resultados de calquera proba de covid-19

Saúde Pública continuará aplicando estritamente os protocolos sanitarios, e todas as medidas que sexan necesarias, baseándose exclusivamente nos resultados das probas obtidos nos laboratorios públicos do Sergas
Publicado por o día 19/07/2020 na sección de A Coruña,Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad

Sanidade lémbralle á Liga e ao CF Fuenlabrada a obriga legal de comunicar ás autoridades sanitarias os resultados de calquera proba de covid-19

A Dirección Xeral de Saúde Pública vén de trasladarlle por medio de senllas comunicacións á Liga Nacional de Fútbol Profesional e ao CF Fuenlabrada o seu malestar tras reincidir na realización de test sen comunicárllelo previamente ao departamento de Saúde Pública da Xunta de Galicia, tal é como establece a normativa vixente, e ademais coñecer o resultado de 5 novos positivos no plantel do cadro madrileño a través dos medios de comunicación.

Por medio de senllas cartas, dirixidas aos presidentes da LFP, Javier Tebas, e ao presidente do CF Fuenlabrada, Jonathan Praena, a Dirección Xeral de Saúde Pública reiteroulle aos responsables de ambas institucións que calquera proba diagnóstica debe ser comunicada de forma urxente e prioritaria ás autoridades sanitarias competentes.

Neste sentido, Saúde Pública trasladou o seu malestar polos feitos acontecidos na tarde deste xoves 23 de xullo, na que o departamento sanitario da Xunta de Galicia, coñeceu ao través dos medios de comunicación, a existencia de 5 novos casos positivos entre os membros do CF Fuenlabrada.

Así mesmo, Saúde Pública lamenta o carácter reincidente de este tipo de comportamentos que incumpren a normativa vixente en materia de comunicación obrigatoria das enfermidades infecto-contaxiosas, como é o caso da covid-19.

Porén, a Consellería de Sanidade reitera que é a autoridade sanitaria competente en todo o territorio galego e que, como tal, continuará aplicando dun xeito estrito todos os protocolos sanitarios e todas as medidas que sexan necesarias, baseándose, única e exclusivamente, nos resultados que sexan obtidos polos laboratorios públicos do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Por último, Sanidade anunciou que o novo incidente que tivo lugar na xornada de hoxe será incorporado ao expediente aberto polo servizos de inspección de Saúde Pública o pasado luns.