Sanidade mantén a recomendación de evitar o consumo de auga da traída en Corme e volverá a realizar novas analíticas

Os resultados das mostras determinan a presenza de norovirus e xermes na agua, que superan os límites esixidos para garantir a potabilidade da auga, polo que non é totalmente seguro o seu consumo
Publicado por o día 27/09/2019 na sección de Sanidad

Sanidade mantén a recomendación de evitar o consumo de auga da traída en Corme e volverá a realizar novas analíticas

A Consellería de Sanidade mantén a recomendación de evitar a inxesta da auga da traída municipal de Corme-Porto, no concello coruñés de Ponteceso, e o lavado de alimentos que logo se consuman crus. Así llo trasladou esta mañá o departamento sanitario tanto ao alcalde de Ponteceso, como ao responsable do subministro da auga, tras os resultados das analíticas realizadas pola Consellería nas que se detectaron a presenza de norovirus, bacterias coliformes e a sospeita de Clostridium perfringens por enriba dos parámetros legalmente permitidos.

Os resultados das mostras da auga para determinar a presencia de norovirus foron positivos e os resultados doutros parámetros indican a existencia de incumprimentos graves, superando os límites legalmente esixidos para garantir a potabilidade da auga. O departamento sanitario volverá a realizar novos controis na auga da traída municipal.

O equipo de expertos constituído pola Consellería de Sanidade para o estudo do abrocho, logo de valorar os resultados analíticos recibidos esta mesma mañá, ditamina que segue sen ser segura a inxesta da auga da traída municipal, así como o lavado e manipulación de alimentos que se consuman crus, recomendando evitalo uso da agua da traída para tales fins.

Asemade, a Consellería de Sanidade reitera a súa recomendación de medidas preventivas para evitalo contaxio persoa a persoa, como lavar ben as mans, especialmente despois de ir ao baño ou cambiar cueiros; evitar os alimentos e a auga con risco de estar contaminados, entre eles, os alimentos que preparou alguén que está enfermo; e lavar as froitas e os vexetais con auga non contaminada antes de comelos.

O departamento autonómico tamén incide na necesidade de desbotar o vómito e a materia fecal con coidado, para evitar a propagación aérea do norovirus e absorber o material con toallas desbotables, con axitación mínima, e colocándoas en bolsas desbotables de plástico. Ademais recomenda desinfectar as zonas contaminadas co virus con lixivia e usar luvas.

No caso de ter síntomas, recoméndase permanecer na casa, sen ir traballar, especialmente se o traballo implica manipulación de alimentos. Cómpre lembrar que se pode transmitir o virus ata días despois de desaparecer os síntomas. Os nenos afectados non deben asistir á escola ou á gardería. Tamén debe evitarse viaxar ata que os síntomas desaparezan.