Sanidade pecha a situación de alerta e levanta a restricións sobre o consumo da auga da traída municipal de Corme

As medidas correctoras realizadas pola empresa xestora responsable do abastecemento tamén son favorables e indican que a auga é potable
Publicado por o día 04/10/2019 na sección de Sanidad

Sanidade pecha a situación de alerta e levanta a restricións sobre o consumo da auga da traída municipal de Corme

A Consellería de Sanidade pecha a situación de alerta e levanta a restrición do consumo de auga da traída municipal de Corme-Porto, no concello coruñés de Ponteceso. O departamento sanitario recibiu esta mañá as analíticas do Laboratorio de Saúde Pública da Xunta e da empresa xestora do abastecemento. Os resultados de ambas as dúas son coincidentes e acreditan a non contaminación microbiolóxica nin por norovirus (axente causal do abrocho de gastroenterite), polo que se considera que a inxesta da auga da devandita traída cumpre cos requisitos esixidos que garanten a súa potabilidade e o seu consumo.

A vista dos resultados das analíticas, o equipo do abrocho de gastroenterite procede ao peche da situación de alerta e comunica ao Concello de Ponteceso o levantamento da restrición de consumo da agua do abastecemento municipal en Corme, sempre que se manteñan as condicións actuais do abastecemento e dos autocontrois da traída.

Tamén foron favorables as medidas correctoras realizadas pola empresa xestora responsable do servizo de abastecemento. As mostras de auga foron tomadas pola devandita empresa nos mesmos puntos onde se atoparan importantes niveis de contaminación fecal, e tras adoptar as correspondentes medidas. Na notificación que a empresa remitiu á Consellería de Sanidade indícase que os resultados son favorables e indican que a auga da traída de Corme é potable.

Comentar noticia

Your email address will not be published.