Sanidade prepara a segunda onda de tests de seroroprevalencia coa que completará o estudo autonómico da Covid-19

O total de persoas contactadas na primeira onda de test foi de 61.836
Publicado por o día 09/05/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad,Xunta de Galicia

Sanidade prepara a segunda onda de tests de seroroprevalencia coa que completará o estudo autonómico da Covid-19

A Consellería de Sanidade xa está a traballar na segunda das ondas que completará o estudo autonómico de seroprevalencia da Covid-19, coa que definirá con maior nitidez o mapa epidemiolóxico da comunidade galega.

O Instituto Galego de Estatística comezará a analizar a vindeira semana os resultados das 50.925 probas realizadas na primeira das súas fases. Unhas probas, para as que se precisou contactar con 61.836 persoas, e así rematar coa primeira das súas ondas. Por outra banda, e respecto do estudo que o Ministerio de Sanidade está a desenvolver a nivel nacional, en Galicia participaron un total de 6.790 persoas, até o de agora.

Despois de dar por finalizada a primeira das fases do estudo epidemiolóxico iniciado o pasado 23 de abril, Sanidade xa prepara outras 50.925 probas de seroprevalencia para realizarlle á poboación, e así poder analizar como foi a circulación do virus Sars-Cov-2, nas catro provincias galegas.

Con esta segunda fase, o departamento sanitario galego avanza na procura do triple obxectivo que se marcou no momento de comezar a análise autonómica, á hora de coñecer que incidencia tivo a Covid-19, de acordo ás variables de sexo, idade e territorio. Mediante esta nova recollida de información, o Sergas poderá afondar na monitorización e máis na evolución do coronavirus en Galicia, unhas accións que lle permitirán adoptar as medidas sanitarias máis axeitadas para combatela pandemia.

Máis de 61.836 persoas contactadas na primeira fase do estudo

Para acadar as 50.925 mostras definidas na primeira das fases do estudo precisouse contactar con 61.836 persoas. Así, e atendendo ás diferentes variables, o número de mulleres da mostra supón o 49,19% e o dos homes o 50,81%. No que se refire á idade, os menores de 19 anos son o 15,84%; entre os 20 e os 64 anos son o 58,59%, e os maiores de 65 anos on o 25,28% do total.

Test avalados

Os test de anticorpos totais utilizado para este traballo teñen o aval do Centro Nacional de Microbioloxia e do Instituto de Saúde Carlos III do Ministerio de Sanidade. Ademais, a Organización Mundial da Saúde recomenda este tipo de test rápidos so para estudos poboacionais e, en xeral, os descartan para o diagnóstico, coincidindo coa conclusión da Comisión de Expertos da Xunta de Galicia do pasado 8 de abril.

Remarcar que estes test de anticorpos totais dispoñen do marcado CE (requerimento de homologación europeo); obtendo un valor de sensibilidade do 64% cando non se coñece a data de inicio e aumentando a un 80% a partir dos 7 días do comezo da infección; e unha especificidade do 100%.

Subliñar, así mesmo, que a avaliación interna dos test realizada polo Sergas co obxectivo de confirmar os datos de validez dos mesmos (análise de sensibilidade e especificidade), son concordantes cos obtidos polo Instituto de Saúde Carlos III.

A Consellería de Sanidade agradece a colaboración tanto da poboación como dos profesionais que, nestas últimas dúas semanas, colaboraron na realización deste estudo que é fundamental para coñecer a circulación do virus en Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.