Sanidade presentou o equipo que realizará o estudo das necesidades sanitarias de Cangas e Moaña

O obxectivo do Servizo Galego de Saúde é facer un documento coa colaboración de profesionais, administracións locais, pacientes e usuarios
Publicado por o día 22/12/2017 na sección de Sanidad

Sanidade presentou o equipo que realizará o estudo das necesidades sanitarias de Cangas e Moaña

A sede da Delegación Territorial da Xunta na cidade olívica acolleu hoxe o acto de presentación da redacción do Estudo de necesidades sanitarias da poboación dos Concellos de Cangas e Moaña: Programa funcional e de espazos necesarios para a súa execución, cuxa elaboración contará coa colaboración dos profesionais, as administracións locais, os pacientes e os usuarios.

Na presentación, á que asistiron membros das corporacións municipais, de asociacións veciñais e de asociacións de pacientes, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, incidiu, especialmente, en que o obxectivo do Servizo Galego de Saúde é facer un documento coa colaboración de todos os axentes implicados, contando coa participación de todos os profesionais das estruturas sanitarias implicadas (Xerencia do Sergas de Vigo, Povisa e 061), as administracións locais da área, as asociacións de pacientes, así como pacientes e usuarios. A previsión é que o estudo de necesidades se leve a cabo en 5 meses.

Na metodoloxía e secuencia dos traballos contémplase, no que atinxe ao Plan Funcional, unha primeira fase, na que se establecerán os criterios xerais e as estratexias que darán soporte á ordenación de recursos atendendo ás necesidades reais da poboación. Unha segunda, na que se examinará a situación de partida e se desenvolverá a previsión de actividade a curto e medio prazo; e unha terceira, na que se establecerán os criterios funcionais e de dimensionado cuxo uso permitirá definir os centros necesarios, as súas capacidades e a súa ordenación territorial.

No que atinxe ao Plan de espazos, no que se contemplará ás dimensións e ubicación idónea dos centros, farase unha programación de cada un deles que existirán na área de Cangas e Moaña para dar cobertura ás necesidades.

Na reunión detalláronse, así mesmo, os criterios xerais de participación dos profesionais aplicables a todo o proceso, con accesibilidade plena, así como das estruturas sanitarias implicadas, con xuntanzas coas direccións das mesmas. Respecto das administracións locais da área, a participación establecerase mediante as propostas elaboradas polos servizos municipais e compartindo coas alcaldías o inicio do proxecto. Para a colaboración coas asociacións de pacientes, establecerase un cuestionario de participación en liña; e cos pacientes e usuarios, un protocolo de participación cidadá cun buzón físico e outro web.

Sinalar, por último, que o equipo que realizará o estudo ten unha ampla experiencia neste campo, xa que participou en máis de 20 plans funcionais e de espazos en España nos últimos 15 anos.