A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, vai poñer en marcha, en toda Galicia, unha campaña específica de reforzo para a mellora do cumprimento das medidas sanitarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid.
O obxectivo da campaña será o de asesorar e mellorar o cumprimento das medidas sanitarias implantadas para facer fronte á crise sanitaria orixinada polo coronavirus na nosa comunidade, en especial control de aforos, distancias, uso de máscaras, etc. Esta actuación encádrase dentro do paquete de medidas para intentar diminuír a incidencia da covid.
Para alcanzar este obxectivo deseñáronse varias estratexias entre as que se atopan o reforzo da información á poboación en xeral, o asesoramento aos sectores implicados, así como o fomento da coordinación e consenso con outras unidades da Administración Pública con competencias no control das medidas sanitarias.
Ademais constará dunha cuarta estratexia que é a realización de visitas a establecementos nos que pode haber unha maior afluencia de persoas e favorecer a transmisión do virus, principalmente centros comerciais, prazas de abastos, hipermercados e supermercados e, posteriormente, continuarase con establecementos de hostalería (bares e restaurantes), ou instalacións deportivas (ximnasios e piscinas).
A totalidade dos efectivos
Estas visitas as levarán a cabo persoal técnico especializado de Saúde Pública, debidamente identificado, polo que se dedicarán o 100% dos efectivos (máis de 200 veterinarios e farmacéuticos) a esta campaña que se estenderá dende agora e ata o mes de abril. Finalizado dito período, e en función da evolución da pandemia, revisarase a pertinencia de aumentar a duración da mesma.
Esta campaña vén reforzar as visitas que, dende o inicio da pandemia, xa se realizaron polo persoal técnico especializado de Saúde Pública dentro da súa programación de actividades de control oficial nos establecementos e actividades do seu ámbito competencial.
Por último, recordar que existe, a disposición da cidadanía, ademais dos procedementos xerais da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, unha caixa do correo para a achega de dúbidas sobre as medidas de prevención: [email protected].
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.