Sanidade reforza as visitas a establecimientos co fin de asesorar e mellorar o cumprimento das medidas sanitarias para facer fronte á COVID19

Máis de 200 técnicos especialistas de Saúde Pública visitarán, ata o mes de abril, establecementos nos que pode haber unha maior afluencia de persoas, principalmente centros comerciais, prazas de abastos, hipermercados e supermercados, e continuarase coa hostalería e as instalacións deportivas
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Coronavirus,Salud,Sanidad,Xunta de Galicia

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, vai poñer en marcha, en toda Galicia, unha campaña específica de reforzo para a mellora do cumprimento das medidas sanitarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid.

O obxectivo da campaña será o de asesorar e mellorar o cumprimento das medidas sanitarias implantadas para facer fronte á crise sanitaria orixinada polo coronavirus na nosa comunidade, en especial control de aforos, distancias, uso de máscaras, etc. Esta actuación encádrase dentro do paquete de medidas para intentar diminuír a incidencia da covid.

Para alcanzar este obxectivo deseñáronse varias estratexias entre as que se atopan o reforzo da información á poboación en xeral, o asesoramento aos sectores implicados, así como o fomento da coordinación e consenso con outras unidades da Administración Pública con competencias no control das medidas sanitarias.

Ademais constará dunha cuarta estratexia que é a realización de visitas a establecementos nos que pode haber unha maior afluencia de persoas e favorecer a transmisión do virus, principalmente centros comerciais, prazas de abastos, hipermercados e supermercados e, posteriormente, continuarase con establecementos de hostalería (bares e restaurantes), ou instalacións deportivas (ximnasios e piscinas).

A totalidade dos efectivos

Estas visitas as levarán a cabo persoal técnico especializado de Saúde Pública, debidamente identificado, polo que se dedicarán o 100% dos efectivos (máis de 200 veterinarios e farmacéuticos) a esta campaña que se estenderá dende agora e ata o mes de abril. Finalizado dito período, e en función da evolución da pandemia, revisarase a pertinencia de aumentar a duración da mesma.

Esta campaña vén reforzar as visitas que, dende o inicio da pandemia, xa se realizaron polo persoal técnico especializado de Saúde Pública dentro da súa programación de actividades de control oficial nos establecementos e actividades do seu ámbito competencial.

Por último, recordar que existe, a disposición da cidadanía, ademais dos procedementos xerais da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, unha caixa do correo para a achega de dúbidas sobre as medidas de prevención: medidas.prevencion.coronavirus@sergas.es.