Sanidade reforzará as inspeccións aos establecementos de restauración colectiva cunha campaña específica

Trátase da primeira vez que se realiza unha campaña especial deste tipo, aínda que a posibilidade de facer este reforzo está recollido nos obxectivos específicos da inspección coa finalidade de mellorar e seguir avanzando na verificación do cumprimento da norma por parte dos operadores comerciais
Por o 24/03/2017 | Sección: Galicia,Salud,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia
Sanidade reforzará as inspeccións aos establecementos de restauración colectiva cunha campaña específica
Compartir en:
​A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, reforzará as actividades ordinarias de control oficial nos establecementos de restauración colectiva. Trátase da primeira vez que se realiza unha campaña especial deste tipo, aínda que a posibilidade de facer este reforzo está recollido nos obxectivos específicos da inspección coa finalidade de mellorar e seguir avanzando na verificación do cumprimento da norma por parte dos operadores comerciais.
O 80% dos inspectores totais de cada zona veterinaria realizarán estes controis oficiais de forma individual ou en equipos de dous inspectores.
Esta campaña especial realizarase entre o 27 de marzo e o 7 de abril e estará destinada a reforzar as inspeccións en todos os establecementos de restauración social, establecementos de restauración comercial con comedor independente (restaurante, cafetería, buffet-autoservizo, servizo a domicilio, comida rápida, etc.), e establecementos de restauración comercial sen comedor independente (serven tapas, racións ou pinchos); e tamén naqueles establecementos non rexistrados que se detecten no transcurso da campaña.
Con esta campaña, Sanidade pretende verificar e actualizar os datos do Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA) no que, dende outubro do ano 2012, deben estar inscritos todos os establecementos de venda polo miúdo, e tamén verificar o cumprimento da normativa vixente. Así, especificamente os inspectores comprobarán: as condicións xerais de hixiene dos establecementos, a rastrexabilidade das materias primas empregadas (provedores autorizados e rexistrados), a non utilización de envases recheables (aceite ou augardente) e a verificación da orixe e etiquetado de bebidas alcohólicas así como a correcta información alimentaria facilitada ao consumidor.
En Galicia, a finais de 2015, o censo de establecemento de restauración colectivo ascendía a 23.955. Durante ese ano, a inspección realizou inspeccións sobre 4.488 establecementos.
Nestas visitas, detectáronse incumprimentos nas condicións estruturais dos establecementos, incumprimentos operacionais ligados ás prácticas de traballo diario, incumprimentos no relativo á etiquetaxe dos produtos, ligados ao correcto censado no REGASA e relativos á formación en hixiene alimentaria dos manipuladores de alimentos.
Das medidas adoptadas pola autoridade competente ante os incumprimentos detectados, o 31% destas foron o inicio dun expediente sancionador, o 6% consistiu na suspensión da actividade en tanto non resolveron os incumprimentos, e o 63% restante correspondeu a emisión dun requirimento dándolles un prazo para subsanar as deficiencias detectadas.