Sanidade sinala a súa preocupación pola adicción que xera o cannabis e o seu consumo, especialmente a idades tempranas

Jesús Vázquez Almuiña: “é unha sustancia psicoactiva que pode provocar adicción e que xera problemas de saúde entre os seus consumidores, especialmente se se inician en idades temperás”
Publicado por o día 17/03/2017 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

Sanidade sinala a súa preocupación pola adicción que xera o cannabis e o seu consumo, especialmente a idades tempranas

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou onte que a evidencia científica demostra que o cannabis, a droga ilegal de maior consumo no país, é unha sustancia psicoactiva que pode provocar adicción e que xera problemas de saúde entre os seus consumidores, especialmente se se inician en idades temperás.

O conselleiro presidiu onte a inauguración da I Xornada Galega de Actuación en Adiccións, centrada nesta sustancia. Neste sentido, destacou que, se ben a normativa actual non penaliza o consumo privado, é preciso diferenciar entre iso e normalizalo. Así, salientou que existe unha relación directa entre a tolerancia social e as prevalencias de consumo entre a xuventude.

“Coñecemos ben a asociación do consumo de cannabis nestas idades con alteracións no desenvolvemento do sistema nervioso central, fracaso escolar e outras anomalías. Se lle engadimos ademais outros problemas como as psicoses, incluíndo a esquizofrenia, os accidentes de tráfico ou as condutas sexuais de risco, podemos ter unha imaxe clara do problema ao que nos enfrontamos”, observou.

Polo tanto, asegurou, non existen razóns sociais nin de saúde para favorecer un comercio legal do cannabis, como pretenden os promotores deste mercado. “O seu único afán é o enriquecemento á conta da saúde dos nosos mozos”, lamentou.

Sobre o suposto efecto terapéutico do cannabis, indicou que a prescrición dunha terapia farmacolóxica é competencia exclusiva dos profesionais sanitarios e que calquera fármaco debe ser posto no mercado seguindo as canles de avaliación de eficacia e seguridade que marca a normativa. No arsenal terapéutico legal hai só un fármaco que usa principios activos do cannabis, cunha indicación precisa autorizada na súa ficha técnica, a espasticidade na esclerose múltiple.

Vázquez Almuiña fixo tamén referencia á postura do delegado do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, quen expuxo que un aumento da dispoñibilidade suporía, entre outras consecuencias, un aumento do seu consumo entre a poboación xeral; unha maior banalización dos seus efectos nocivos para a saúde; unha diminución da idade de inicio do consumidor; a definición dun sistema de control da produción, coa consecuente repercusión económica sobre a facenda pública; un incremento dos custos asistenciais derivados do aumento das dependencias; e un inevitable efecto chamada de cidadáns doutros países.

Máis do 35% da poboación galega de 15 a 65 anos recoñece ter consumido algunha vez cannabis na súa vida, e o 2,1% faino a diario. No que atinxe á poboación de 14 a 18 anos, a enquisa ESTUDES revela que máis do 13% dos adolescentes galegos recoñeceron consumir esta sustancia nos 30 días anteriores ao momento de ser entrevistados.

Diminución do consumo de alcohol

O conselleiro de Sanidade sinalou tamén que o alcohol é outra sustancia que preocupa á Xunta de Galicia, tanto pola súa elevada taxa de prevalencia de consumo como polo seu impacto na saúde e os problemas a corto, medio e longo prazo que provoca na mocidade galega.

Por iso recentemente se puxo en marcha unha iniciativa para acadar un amplo consenso co obxectivo de lograr evitar ou, polo menos diminuír, o seu consumo en menores de idade.

“Non é un obxectivo fácil nunha sociedade marcada pola tolerancia, a normalización e a baixa percepción de risco e a accesibilidade ao alcohol. Temos claro que temos que cambiar estes factores, e que é o traballo coas familias, tentando que asuman o seu papel cos adolescentes, a única vía para avanzar”, concluíu.