Sanidade trasládalle ao comité de empresa de Povisa o seu compromiso por manter o emprego e a calidade asistencial, de acordo ao concerto en vigor

Este compromiso xa quedou reflectido por escrito na modificación introducida no concerto en vigor, asinada en xaneiro deste ano
Publicado por o día 09/10/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

Sanidade trasládalle ao comité de empresa de Povisa o seu compromiso por manter o emprego e a calidade asistencial, de acordo ao concerto en vigor

A Consellería de Sanidade manifesta a súa firme aposta por garantir a calidade e seguridade da asistencia sanitaria e o mantemento dos postos de traballo en Povisa, de acordo co concerto en vigor asinado entre o Sergas e o centro sanitario para a prestación de asistencia sanitaria na área de Vigo. Así o trasladou hoxe o equipo directivo da Consellería de Sanidade, encabezado polo seu máximo responsable, Jesús Vázquez Almuiña, aos representantes do comité de empresa de Povisa, no transcurso da reunión que ambas partes mantiveron no edificio administrativo de San Lázaro.

O departamento sanitario subliñou que este compromiso xa quedou reflectido por escrito na modificación introducida no concerto en vigor, asinada en xaneiro deste mesmo ano entre o Sergas e os anteriores propietarios de Povisa, cando o centro sanitario presentara o pre-concurso de acredores que ameazaba tanto a viabilidade do hospital como os postos de traballo. Así, a cláusula adicional terceira ao concerto actual en vigor pola que se modifican distintas estipulacións do concerto recolle textualmente o obxectivo de atopar solucións “que poidan permitir manter o nivel de emprego en Povisa, apostando por un emprego estable e de calidade, garantindo para iso os niveis de actividade necesaria que unicamente o mantemento do concerto pode asegurar”.

Así mesmo, durante a reunión, os representantes dos traballadores puideron manifestar as súas principais preocupacións que o Sergas comprometeuse a trasladar á empresa.

Sanidade subliña que o cambio de propiedade do centro hospitalario vigués non afecta á aplicación do actual concerto en vigor, dado que Povisa continúa con todos os seus dereitos e obrigas en vigor.

Comentar noticia

Your email address will not be published.