Sanidade valora positivamente a existencia dun documento marco para as celebracións do nadal á espera de que as súas alegacións sexan incorporadas

O comité clínico avaliará á necesidade de introducir adaptacións específicas para Galicia no documento marco
Publicado por o día 02/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad

Sanidade valora positivamente a existencia dun documento marco para as celebracións do nadal á espera de que as súas alegacións sexan incorporadas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, valorou positivamente a existencia dun documento marco común para todas as comunidades autónomas de cara as vindeiras celebracións do Nadal.

Así, o anunciou tras participar no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que se celebrou esta tarde, tralo que tamén destacou que o departamento sanitario galego aínda está á espera de coñecer como se recollen as dúas alegacións achegadas pola Xunta de Galicia ao Ministerio de Sanidade.

Trala xuntanza mantida esta tarde co Ministro de Sanidade, Salvador Illa, e o conxunto de responsable sanitarios das restantes comunidades autónomas españolas, García Comesaña valorou positivamente a existencia dun marco común para o conxunto dos territorios autonómicos, apuntando que estas medidas contribuirán a frear a expansión do coronavirus durante os festexos navideños.

O documento sinala que nos encontros con achegados ou familiares do Nadal non se poderá superar o número de dez persoas, agás que se trate de conviventes, aínda que, sobre este particular, a Xunta presentou dúas alegacións ao texto trasladado polo Ministerio de Sanidade.

En primeiro lugar, unha proposta para que o límite de aforo non se limite a un número de persoas senón que se contabilice un máximo de dúas unidades familiares e; por outra banda, que os nenos menores de 10 anos non computen no cálculo destes aforos.

Sobre este particular, García Comesaña subliñou que sobre a primeira das achegas semella haber “receptividade”, algo que, pola contra, non acontece coa segunda das propostas da Xunta de Galicia. Polo de agora, Sanidade está pendente do xeito en como se recollerán no documento final.

O titular da carteira sanitaria do executivo galego, tamén cualificou como “axeitada e razoable” a medida do peche perimetral das comunidades autónomas, ao incluir a excepción daqueles desprazamentos de retorno ao lugar de residencia de familiares ou achegados, ao ter en conta a grande cantidade de galegos e galegas que voltan a comunidade co gallo das festas.

Finalmente, García Comesaña, incidiu en que é preciso continuar a respectar o conxunto de medidas hixiénico-sanitarias establecidas, poñendo especial énfase en ter a maior precaución posible cando se compartan espazos con persoas maiores ou especialmente vulnerables.