Santa Comba (Loureza) celebra as festas de Santa Calumbra do 3 ao 5 de maio

Publicado por o día 01/05/2019 na sección de Galicia,Oia

Santa Comba (Loureza) celebra as festas de Santa Calumbra do 3 ao 5 de maio

Santa Comba, na parroquia oiense de Loureza, celebrará as súas tradicionais festas na honra de Santa Calumbra os próximos 3, 4 e 5 de maio, cunha programación que inclúe propostas musicais e gastronómicas ademais dos actos relixiosos.

As celebracións abriranse o venres día 3 coa subida de Santa Calumbra desde a igrexa de Loureza ata a ermida (comezo ás 20.00 horas), acto que contará co acompañamento do grupo de gaitas Tra-lo Mosteiro de Oia. A continuación terá lugar o IV Serán, ao que están convidados a participar distintos grupos de música tradicional da zona, e a partir das 22.00 horas actuará o grupo folk Ardentía.

O sábado 4 de maio haberá verbena a partir das 22.30 horas, amenizada pola orquestra Grafitti e polo grupo Alkar. Ademais, as persoas asistentes poderán degustar cocido caseiro a 12 euros a ración (pan e bebida incluídos).

O día grande, o domingo

O día grande das festas de Santa Calumbra será o domingo 5, coa actuación da Banda Musical de Barro ás 11.00 e a misa solemne ás 13.00 horas. A continuación celebrarase a 23ª edición da degustación de cordeiro, con racións a un prezo de 15 euros (pan e viño incluídos).

Xa pola tarde, a programación festiva continuará cos espectáculos musicais dos grupos La Noche de O Grove e Xtra.

Os festexos populares contan coa colaboración do Concello de Oia e

máis da Deputación de Pontevedra a través de Pontegal.