Santalices avoga pola “prudencia” nas declaracións sobre sanidade e critica “a irresponsabilidade dos socialistas por falar sen contrastar a información cos profesionais”

Publicado por o día 03/09/2015 na sección de Partido Popular,Política

Santalices avoga pola “prudencia” nas declaracións sobre sanidade e critica “a irresponsabilidade dos socialistas por falar sen contrastar a información cos profesionais”

-O portavoz de Sanidade trasladou as condolencias do Grupo Popular á familia da falecida onte neste centro hospitalario e lamentou que esta situación “sexa aproveitada pola oposición para “expandir alarma social”

-Amosou o seu apoio “ao traballo que están a realizar os profesionais que levan a cabo a posta en marcha deste novo hospital” e expresou a confianza “en que todo o proceso se está a realizar con total seguridade e garantías sanitarias”

– “Falar da necesidade de evacuar un hospital sen ter contrastada a información cos profesionais é unha irresponsabilidade total impropia dun partido serio, e a única explicación é que o señor Besteiro estea buscando desesperadamente un oco nos medios de comunicación, despreocupándose de controlar e de poñer orde no seu propio partido”, sinalou.

O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, avogou hoxe “pola prudencia á hora de facer declaracións en materia de sanidade” e criticou a “irresponsabilidade total amosada onte polos socialistas galegos, co seu secretario xeral ao fronte, ao falar da necesidade de evacuar o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por un suposto brote de aspergilosis sen ter contrastada a información cos profesionais que están traballando a pe de obra neste centro hospitalario para garantir que o traslado ás novas dependencias e a asistencia aos pacientes se realice nas mellores condicións”.

Miguel Santalices trasladou, en nome do Grupo Popular, as condolencias á familia da paciente falecida no día de onte no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e lamentou que esta situación sexa aproveitada polos grupos da oposición para “expandir unha alarma social sobre a atención que se presta neste centro sanitario”.

Neste sentido, Santalices amosou o seu apoio “ao traballo que están a realizar os profesionais que levan a cabo a posta en marcha do novo Hospital Álvaro Cunqueiro” e expresou a súa confianza “en que todo o proceso se está a realizar con total seguridade e garantías sanitarias, cumprindo todos os parámetros esixidos”.

PRUDENCIA NAS DECLARACIÓNS

“A prudencia nas declaracións dos políticos en materia sanitaria é fundamental, porque se hai algún aspecto no que as palabras pronunciadas por un dirixente político teñen unha relevancia especial é todo o relacionado coa saúde da poboación”, afirmou o portavoz popular.

Por este motivo, criticou “a alarma infundada provocada no día de onte polos socialistas galegos, co señor Besteiro ao fronte, ao falar da necesidade de evacuar o hospital sen ter contrastada a información cos profesionais que están traballando a pe de obra no Álvaro Cunqueiro”. “É unha irresponsabilidade total impropia dun partido serio facer este tipo de declaracións, e a única explicación é que o señor Besteiro estea buscando desesperadamente un oco nos medios de comunicación, despreocupándose de controlar e de poñer orde no seu propio partido”, indicou.

Miguel Santalices lembrou que “determinados fungos, como o aspergilus, conviven a diario con nós, polo que afirmar, como fixeron os socialistas galegos, que existe un brote de aspergilosis é unha autentica barbaridade e unha falta de información que deberían de corrixila”. Neste sentido, lembrou que “o brote de aspergilosis acontecida no Hospital de Vigo hai dous anos, que non motivou evacuación algunha do centro senón a adopción das medidas estipuladas para unha situación como esta”.

PERSOAL DO SERVIZO PÚBLICO DE SANIDADE

“Os profesionais que traballan tanto no Alvaro Cunqueiro como na área de xestión integrada (EOXI) de Vigo son persoal do servizo público de sanidade, polo que afirmar que quen marca as directrices a ese persoal é a empresa privada é descoñecer a realidade sobre quen xestiona e coordina as actuacións no novo hospital vigués”, sinalou Miguel Santalices.

O portavoz popular asegurou que “o traslado de pacientes ao novo hospital público está sendo supervisado por profesionais sanitarios e temos a garantía de que en todo momento as decisións que toman estes profesionais son tidas en conta pola dirección”. “É a única maneira de garantir un traslado seguro, porque estamos falando do traslado dun hospital que se retomará cando os profesionais que están á fronte o consideren oportuno”, engadiu.

Por todo elo, Santalices demandou “prudencia ao señor Besteiro e aos socialistas galegos” e apuntou que “se se quere asesorar ten nas súas filas persoas que saben moito en materia sanitaria, porque teñen experiencia en casos de certa dificultade que poden xurdir no traslado e acondicionamento de centros sanitarios unha vez realizadas obras nos mesmos”.

PRENSA PP DE GALICIA