Se o vello Sampedro volvese a Galicia

Un percorrido polos espazos que marcaron a vida e a obra do escritor
Publicado por o día 03/04/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Se o vello Sampedro volvese a Galicia

José Luis Sampedro non ambientou ningunha das súas obras en Galicia, pero “sobre Alexandría consultei moitas fontes. Tardei máis de tres anos en reunir toda a documentación necesaria.”, explicou no seu día o escritor en referencia á localización da súa novela La vieja sirena, mentres que sobre a ambientación de La sonrisa etrusca en Italia, xustificaba esta decisión asegurando que “quería facela en tempo actual e sabía que idade debía ter o protagonista. Se escollese un escenario español, e dado que eu quería que participase nunha guerra, o protagonista sería demasiado maior”. Xunto á cidade exipcia e o país transalpino, Estocolmo, Soria, Madrid, París, África do norte, Tenerife, Xenebra ou Tombuctú, conforman unha parte das xeografías literarias de José Luis Sampedro, que protagonizan a mostra que durante todo o mes de abril poderá visitarse no vestíbulo da Facultade de Filoloxía e Tradución. “Geografías literarias de José Luis Sampedro é un percorrido pola literatura de Sampedro a partir dos lugares que son a base das súas novelas máis importantes. Estocolmo, por exemplo, no que estivo nun congreso de banqueiros, converteuno na súa primeira novela publicada, Congreso en Estocolmo, e permitiu que empezase a ser coñecido como novelista, porque ata entón era un moi prestixioso catedrático de universidade e técnico do Banco de España, e aí empezou a súa andaina literaria, que o converteu nunha das voces novelísticas máis importantes do século XX”, explica José Montero Reguera, director do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura que, xunto á Fundación Escola Rosalía, fixo posible que a mostra recalase na facultade, tras pasar o mes de marzo polo Auditorio Mar de Vigo.

Seis paneis conforman esta mostra, que conmemora o primeiro centenario do nacemento de José Luis Sampedro en 1917, propoñendo ás e aos visitantes unha viaxe pola súa obra literaria a partir das súas xeografías, organizada en tres niveis de lectura complementarios: o xeográfico e literario, con explicacións de como influíron as paisaxes na vida e obra do escritor; o biográfico, con indicacións textuais e reproducións de fotografías do autor e o poético, con citas de como Sampedro entende a escritura.

Un dominador da prosa en lingua castelá

El río que nos lleva; Octubre, Octubre; Real sitio; El amante lesbiano; La senda del drago; Mar al fondo e Cuarteto para un solista, completan a relación de obras, que xunto a La vieja sirena e La sonrisa etruscaintegran a mostra dedicada a Sampedro, que na Facultade de Filoloxía e Tradución se completa na súa biblioteca cunha escolma de obras do autor recompiladas na Universidade e na que “descubrimos que hai máis cousas de Economía, que novelas”, sinala Montero Reguera, e que proba do inxente traballo desenvolvido polo Sampredro economista. Neste sentido, o director do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura lembra, que ao igual de Alonso Zamora Vicente, José Luis Sampedro foi o que se chama “un escritor de domingo. Ambos traballaban como catedráticos moi prestixiosos e as fins de semana dedicábanse ao que verdadeiramente lles gustaba que é escribir”, sinala.

Sen esquecer a súa faceta como “exemplo vivo das reivindicacións do 15M, cando xa superaba os 90 anos de idade”, o catedrático de Literatura Española considera que Sampedro achegou ás letras españolas unha voz moi persoal. “É un escritor de primeira fila, extraordinario e un dominador da prosa en lingua castelá como poucos no seu tempo, cunha imaxinación extraordinaria e con ideas moi claras, non moi revolucionarias, pero si sensatas, onde o que prima é a liberdade de pensamento”, explica.

A conexión galega dun home de mundo

Ademais de escribir en castelán e falar francés, Sampedro manexábase en perfecto inglés, lingua que utilizou cando, despois da expulsión de José Luis Aranguren en outros catedráticos na década de 1960, decidiu emprender un periplo fóra de España, ensinando Economía en Inglaterra e EEUU. “É un home de mundo”, asegura Montero, que en relación ás conexións que con Galicia tivo o autor, lembra que na inauguración da mostra no Auditorio Mar de Vigo o político Xosé Manuel Beiras declarouse discípulo de Sampedro, que foi un dos membros do seu tribunal de cátedra na década de 1950. “Non sería difícil atopar motivos para vencellar a obra e peripecia vital de Sampedro con Galicia, pero iso que na carpeta de pendentes”, apunta o catedrático da Universidade de Vigo.