“Se Sánchez quere ser coherente co discurso de hoxe no PE non pode propor uns orzamentos de terceira para Galiza”

A eurodeputada galega do GUE/NGL participou onte nun breve encontro con Pedro Sánchez no marco da súa visita ao PE
Publicado por o día 17/01/2019 na sección de AGE,Política

“Se Sánchez quere ser coherente co discurso de hoxe no PE non pode propor uns orzamentos de terceira para Galiza”

sesión plenaria do Parlamento Europeo acolleu hoxe a intervención do Presidente do Goberno español, Pedro Sánchez Pérez-Castejón, seguido dun debate estructurado cas eurodeputadas/os sobre o futuro da Unión Europea e un posterior encontro breve cas  eurodeputadas/dos e membros das delegacións de todos os grupos políticos do Estado español.

No marco do discurso desenvolvido por Sánchez nestes contextos, Lídia Senra, eurodeputada galega do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e integrante do Consello das Mareas, a tenor das alusións realizadas polo Presidente do Goberno ao Marco Financieiro Plurianual (MFP) da UE e á necesidade da existencia de orzamentos realistas que garantan o desenvolvemento de políticas fundamentais da UE como por exemplo a PAC, replicou emprazándoo a ser coherente con ese posicionamento tamén a nivel de política do Estado:  nós tamén esperamos que o Goberno español non consolide orzamentos de terceira e modifique a súa posición con respecto aos orzamentos do Estado para Galiza”.

Con respecto aos demais puntos recollido nos discursos de Sánchez na Eurocámara, para Senra, “o futuro de Europa pasa, necesariamente, pola implementación de políticas que garantan unha vida digna ao conxunto da sociedade, dentro e fóra da UE”. Para iso, abondou, é preciso elaborar unha folla de ruta “que tome como obxectivo garantir a xustiza económica, apostando por medidas socioeconómicas que conleven o reparto da riqueza e eviten que ningunha persoa viva en situación de pobreza”; así como avanzar na “implementación dunha renda básica universal e medidas que aseguren salarios dignos para as traballadoras e traballadores”, e pór en marcha medidas concretas para avanzar na consecución da soberanía alimentaria “apoiando a agricultura labrega e a pesca a pequena escala”.

Nesta liña Senra exhorta tamén a Sánchez a “blindar os servizos públicos, con especial protección da saúde, a educación e os servizos sociais; asegurar pensións públicas dignas e garantir o acceso a unha vivenda digna para toda a poboación”.

Aliás, reitera a eurodeputada galega, o futuro de Europa pasa inevitabelmente polo desenvolvemento de políticas contundentes que permitan avanzar en materia de igualdade, “non podemos consentir retrocesos como os que estamos a ver nestes momentos en Andalucía, onde as mulleres e os nosos dereitos estamos sendo utilizadas como moeda de cambio. A UE non pode permitir nin un paso atrás nos dereitos das mulleres”, advertiu ao tempo que lembrou que para avanzar nesta liña de traballo “é imprescindíbel tamén acabar xa dunha vez por todas ca fenda de xénero nas pensións; non podemos permitir que a situación de desigualdade padecida durante toda a vida das mulleres teña como colofón desta inxustiza estrutural o empobrecemento na recta final da súa existencia”.

Senra reivindica tamén  reverter o manifesto retroceso existente no Estado español en materia de dereitos e liberdades. “Vivimos unha situación insostíbel a nivel de dereitos sociais, tanto individuais como dos pobos. Temos que recuperar dereitos fundamentais que están sendo atacados, como o a liberdade de expresión. Ademais o respecto ao dereito de autodeterminación dos pobos, así como os dereitos linguísticos e a liberdade das perosas presas políticas son dereitos irrenunciábeis”.

Por outra banda, a nivel de política exterior a eurodeputada galega quixo destacar de xeito diferenciado a esixencia dunha batería de políticas orientadas á Paz, que pasan necesariamente por “dicir ‘non’ ao exército europeo e dicir ‘non’ ao reforzo da industria militar”.

En resumo, “a UE ten dedicado xa demasiado tempo aos mercados. É hora de lexislar para as persoas”, sentenciou Lídia Senra.

Comentar noticia

Your email address will not be published.