A sección sindical de CCOO no Concello de Vigo nega que se amplíe o persoal no departamento de Benestar Social

O sindicato pide «rigor» nas informacións ao respecto para evitar que se creen «falsas expectativas»
Publicado por o día 27/10/2016 na sección de CC.OO,Concello de Vigo,Sindicatos,Vigo

A sección sindical de CCOO no Concello de Vigo nega que se amplíe o persoal no departamento de Benestar Social

A sección sindical de CCOO no Concello de Vigo nega que se amplíe o persoal de Benestar Social, tal como suxerían algunhas informacións aparecidas nos últimos días. O sindicato pide «rigor» para evitar a creación de «falsas expectativas» entre as persoas usuarias e tamén para non «introducir elementos de confusión», xa que o sindicato leva tempo a denunciar a falta de recursos humanos neste departamento.

Desde CCOO aseguran que non hai incremento de persoal, xa que nun caso se trata da provisión efectiva de prazas xa existentes, pero cubertas de xeito interino, mentres que no outro se trata de nomeamentos de carácter temporal que, se ben reforzarían o servizo, unicamente o farán de xeito eventual e non definitivo.

En concreto, o sndicato aclara que están en proceso de provisión sete prazas de traballador ou traballadora social, que hoxe en día se cobren de xeito interino. Así mesmo, a restante provisión refírese á incorporación de tres traballadores e ou traballadoras sociais e catro auxiliares administrativos, baixo a modalidade de nomeamentos de persoal funcionario «por acumulación de tarefas» e por un período máximo de seis meses.

Por todo isto, CCOO pídelles aos responsables municipais que «se absteñan de proporcionar información enganosa» e que atendan as reivindicacións sindicais para dotar con persoal «suficiente» para o departamento de Benestar social, «de xeito estable e non con emprego precario».