Segue a progresión á alza das licenzas urbanísticas concedidas en Mos desde a implantación do PXOM

O número total de licenzas creceu un 14,5% en 2019 respecto do ano anterior
Publicado por o día 10/01/2020 na sección de Galicia,Mos

Segue a progresión á alza das licenzas urbanísticas concedidas en Mos desde a implantación do PXOM

Continúa a notable tendencia á alza das licenzas de obra maior e de primeira ocupación concedidas en Mos. Como cada ano ao remate do exercizo, o departamento municipal de Urbanismo, que dirixe o concelleiro Alberto Méndez, fai balance das licenzas xestionadas pola devandita concellería durante o ano finalizado.

Neste caso, comezando o 2020 e recén rematado o 2019, os datos seguen a progresión ascendente iniciada en 2017 coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. O importantísimo aumento das licenzas urbanísticas concedidas anualmente reflíctese nas porcentaxes de crecemento do número total de licenzas: que en 2019 aumentaron nun 14,5% respecto de 2018, pasando de 397 a 454, xa no ano 2018 incrementáranse tamén nun 16% as licenzas concedidas respecto das do 2017, e en 2017 creceran un 6% respecto do exercizo anterior de 2016.

Precisamente esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Urbanismo, Alberto Méndez, fixeron públicos estes datos que ofrecen un balance moi positivo respecto da actividade neste departamento que, segundo consideran os representantes municipais, “foi en gran parte grazas ao pulo que supuxo a implantación do Plan Xeral”.

Ademais da implantación do PXOM mosense, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017, estas cifras veñen tamén derivadas do crecemento do Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña, que se atopa ao 94% de ocupación, e o potencial como Concello Emprendedor Doing Business Galicia, que fan que Mos leve experimentando nos últimos anos un aumento importantísimo das licenzas urbanísticas concedidas.

Dentro da suba do total de licenzas concedidas o pasado 2019, os datos que máis despuntan son os do número de licenzas de obra maior e de primeira ocupación.

As licenzas de obra maior concedidas en 2019 crecen un 31% respecto de 2018, pasando de 84 a 110. Dentro destas, as que máis se incrementaron foron as de nave industrial e as de acondicionamento de parcela, prácticamente duplicándose en ambos casos e pasando de 6 a 11 as primeiras e de 6 a 10 as segundas. E tamén dentro das licenzas de obra maior as máis numerosas foron as concedidas para vivenda: un total de 24. O que demostra que o de Mos é un Concello ideal tanto para vivir como para desenvolver unha actividade empresarial e/ou industrial.

Outro do tipo de licenzas cun despunte máis que significativo é o de primeira ocupación. Que duplica en 2019 a cifra de 2018 pasando de 7 a 15 licenzas concedidas cunha porcentaxe de crecemento do 142%. Dato que refrenda novamente a realidade de que Mos é un Concello ideal para vivir e cada vez hai máis persoas que o elixen como lugar para construír e establecer a súa residencia.

Tamén creceron en 2019 as licenzas de actividade, comunicación previa e declaración responsable, pasando de 99 en 2018 a 101 en 2019; o que supón un aumento do 2%.

E por último, tamén se produciu un incremento do 12% nas licenzas de obras menores e comunicacións previas de obra menor, pasando de 198 en 2018 a 222 en 2019. Entre elas as máis abundantes foron as de acondicionamento de vivenda: un total de 78 en 2019 (fronte ás 71 de 2018), seguidas das de canalización de gas: un total de 66 en 2019 (fronte ás 53 de 2018). E tamén foi moi significativo o crecemento do número de licenzas concedidas para obras asociadas a actividade, cuadruplicándose a cifra que pasou de 1 licenza en 2018 a 4 en 2019.

Destes datos conclúese que “a existencia e implantación dun PXOM está animando aos particulares e ás empresas a establecer ou consolidar a súa residencia ou negocio, respectivamente, en Mos; e que a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir e crecer empresarialmente”, explican Arévalo e Méndez.

Comentar noticia

Your email address will not be published.