Seguen as protestas contra os recortes na limpeza do campus norte da UVigo en Ourense

Samyl incumpre o prego de condicións do servizo ante a inacción de Inspección e Sanidade
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Galicia,CIG,Ourense,Protestas,Sindicatos,Vigo

Seguen as protestas contra os recortes na limpeza do campus norte da UVigo en Ourense

O cadro de persoal de Samyl, concesionaria da limpeza do campus norte da Universidade de Vigo en Ourense, continúa coas mobilizacións para rexeitar os recortes no servizo, en concreto a eliminación de horas de traballo. Este incumprimento do prego de condicións da adxudicación por parte da empresa prodúcese coa permisividade da Universidade e ante a inacción tanto da Inspección de Traballo como da Consellaría de Sanidade.

Segundo denuncian dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense, este recorte de horas na prestación do servizo prodúcese en plena pandemia, “cando máis hai que extremar a hixiene e a limpeza, nomeadamente en edificios públicos”.

Ao mesmo tempo, critican que este incumprimento do prego de condicións teña lugar coa “aquiescencia e permisividade” da Universidade de Vigo, “até o punto de que das 624,50 horas semanais que deberan realizar están facendo unicamente 473, o que representa practicamente un 25% menos de horas de limpeza”.

Críticas á xestión

E iso a pesar de que se trata dun centro universitario ao que centos de estudantes, profesorado, persoal non docente e administrativo, ademais de provedores e visitas, acoden diariamente e usan as instalacións. “Cando máis hai que limpar, máis recortes fan, e levan meses aplicando estes recortes”, sinalan.

Ao mesmo tempo, lamentan que tras denunciar os feitos ante a Inspección de Traballo e a Consellería de Sanidade “polo de agora non temos constancia de que realizaran actuación algunha”. Ademais, critican a actuación das persoas responsábeis da xestión do campus, “que se poñen de perfil ante o problema, non teñen interlocución co comité de empresa e mesmo chegan a amosar a súa conformidade cos servizos prestados”.

“Pensamos que estes recortes, en plena situación de alerta sanitaria, non deben de quedar no esquecemento, e merecen difusión pública, por ser un potencial foco de infección nunha provincia xa moi castigada pola pandemia”, rematan.