Seguimento masivo da xornada de folga convocada pola CIG nos centros de chamadas por uns convenios xustos

Unha concorrida manifestación percorreu as rúas de Vigo coincidindo coa protesta, mentres que no resto do país celebráronse concentracións
Publicado por o día 06/10/2016 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos,Vigo

Seguimento masivo da xornada de folga convocada pola CIG nos centros de chamadas por uns convenios xustos

A terceira xornada de folga de 24 horas convocada pola CIG nos centros de chamadas para reclamar uns convenios colectivos xustos no sector volveu ter un seguimento masivo. Coincidindo coa mobilización -a primeira que se desenvolveu tamén no resto do Estado- celebrouse unha concorrida manifestación en Vigo e concentracións en Ourense e Lugo. No caso da Coruña, o protagonismo será para a marcha contra o ERE en Extel-Telefónica prevista para esta tarde ás 20.00 horas.

Unha vez máis, os teleoperadores/as galegos/as colgaron os cascos e saíron á rúa para demandar a fin dos contratos lixo, os baixos salarios e o remate das quendas que impiden a conciliación da vida laboral e familiar.

A folga, convocada pola CIG a nivel galego e polo resto de sindicatos presentes na mesa negociadora do convenio a nivel estatal, tivo novamente un seguimento masivo. Coincidindo coa xornada de protesta desenvolvéronse diferentes mobilizacións por todo o país.

En Vigo tivo lugar a maior mobilización polo convenio das celebradas no país. A convocatoria foi promovida pola CIG en solitario e consistiu nunha manifestación que partiu ás 12.00 horas das inmediación de Unísono, na Gran Vía, para rematar arredor das 13.00 diante de Bosch, na rúa María Berdiales. Na marcha participaron centos de persoas destas duas empresas, pero tamén doutras coma QSmedia. “Convenios aquí e non en Madrid”, “Aquí traballamos, aquí negociamos” ou “Convenio xusto, convenio galego” foron algunhas das consignas que máis se escoitaron durante o traxecto.

En Ourense tivo lugar unha concentración conxunta diante das porta da Confederación de Empresarios, na que participaron traballadores/as dos tres centros de chamadas da provincia.

En Lugo, o persoal acudiu ao chamamento conxunto realizado para concentrarse diante da empresa Abante BPO. Noutras empresas da provincia, onde a CIG aínda non ten presenza, a folga non tivo practicamente seguimento.

No caso da Coruña, onde hai convocada unha manifestación para hoxe ás 20.00 horas, a negociación do convenio cedeu o protagonismo á oposición ao ERE de Extel-Telefónica.

Vídeo da manifestación de esta mañá na cidade de Vigo

As fotografías da marcha na nosa páxina facebook.